Máis de 110 nenos e nenas de San Sadurniño terán visitado entre hoxe e mañá o Belén da Asociación O Tilo
17 Decembro 2013 10:06O Belén de O Tilo está a recibir nestes días a visita de escolares de centros da comarca. Un exemplo do éxito deste Nacemento é que entre hoxe e mañá serán máis de 110 os e as escolares procedentes do colexio de San Sadurniño os que acudirán ao local desta asociación cultural local. De feito, na xornada de hoxe foron 41 nenos e nenas, mentres que mañá serán 71 os que acudirán ás instalacións da entidade, situadas na esquina da rúa María coa avenida Federico García Expósito. A visita de mañá comezará sobre as 10.30 horas.
Como explicaron os responsables desta asociación, o Nacemento é un dos máis grandes de Galicia, xa que este ano ocupa un espazo de, nada máis e nada menos, que 70 metros cadrados. Nesta superficie están colocadas arredor de 200 figuras de barro lienzado de entre 17 e 21 centímetros (destas, vinte son móviles), que representan diferentes esceas propias do Belén. Ademais, e como sempre, todo o Nacemento está decorado con materiais naturais.
O Belén de O Tilo estará aberto ata o 7 de xaneiro, en horario de cinco a oito da tarde, de luns a sábados, e de once a unha e de cinco a oito, os domingos e xornadas festivas.
Como está a acontecer nestes días, asociación local ofrece visitas aos centros escolares que o desexen e, a este respecto, unicamente pide que dende os colexios interesados se poñan en contacto para concertar dita visita e abrir, así, pola mañá. Para iso, poñen a disposición dos centros o teléfono 669 404 425.
A entrada ao Belén de O Tilo é, como sempre, de balde.