Rural Lab Ferrolterra presenta en Montefaro o proxecto piloto de creación do “monte soberano”

Comparte esta nota de prensa

O mosteiro de Santa Catalina de Montefaro acolleu o sábado a segunda xornada do programa Rural Lab Ferrolterra; unha iniciativa posta en marcha polas fundacións Gabeiras e Didac, coa colaboración do Concello de Ares, en 2020 co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural, histórico e económico do municipio dunha forma colectiva e que agora, en 2022, alcanza a súa segunda fase.

Así, tras unha primeira xornada celebrada o pasado venres no salón de actos da Alianza Aresana –centrada nas oportunidades de dixitalización na contorna rural–, a programación reanudouse o sábado en Montefaro, cunha serie de charlas e mesas redondas sobre a proposta de creación dun “monte soberano”.

 

Esta iniciativa, aínda en fase piloto –de feito boa parte do obxectivo destas xornadas é a súa posta en común coa veciñanza e demais entidades do municipio–, é o resultado da primeira fase; unha proposta deseñada con “axentes locais” para a creación de “un plan de explotación do monte sostible”.

Desta forma, tras unha presentación por parte do alcalde de Ares, Julio Iglesias, celebrouse unha primeira conferencia sobre o concepto en si de “monte soberano” –coa participación das asociacións Betula, A Monte e a fundación Didac–; á que seguiu unha mesa redonda de experiencias sobre este modelo de explotación.

 

 

Xa pola tarde, despois dunha comida popular e a intervención do artista Christian García, presentouse o proxecto concreto para a área de Montefaro, xunto cun taller participativo para que os asistentes puidesen achegar as súas ideas, presentar propostas e mesmo aclarar dúbidas sobre a iniciativa.

Pódeche interesar