Teño a honra de encabezar, como Alcalde, esta renovada web do Concello de Ares, un portal aberto a toda a cidadanía, para os que viven nesta fantástica vila e, por suposto, tamén para os moitos aresáns que, por diferentes razóns, tiveron que marchar no seu día, coma tamén tiven que facer eu, e viven en diversas partes do mundo.

Con este espazo aberto á participación e á interrelación, o Concello pretende dar a coñecer o que é esta institución e os diferentes servizos que presta, informar sobre a xestión diaria do grupo de goberno que presido e dar a coñecer ao internauta un municipio cun enorme potencial de sostenibilidade que faino idóneo para vivir, tanto nos períodos vacacionais como durante todo o ano, de maneira moi distendida e, sobre todo, agradable.

Ares conta co potencial necesario para lograr todo o que se propoña, unha ría e unha fachada marítima certamente inmellorable, unhas paisaxes de ensono, un patrimonio fora do común e, sobre todo, uns cidadáns traballadores e emprendedores.

Con este potencial e coas iniciativas que este equipo de goberno pretende poñer en marcha nos vindeiros catro anos, teño o convencemento de que Ares se porá na primeira liña da comarca, e todo sen esquecer os que deben ser os valores propios da vila, como por exemplo o seu carácter pesqueiro, aínda clave para moitos de nós, o respecto polo medio ambiente, a protección do noso patrimonio, a conservación dos entornos singulares e a promoción da cultura, do deporte e do tempo de lecer no eido dun amplo abano de servicios tanto públicos como privados.

Agardo, en definitiva, que esta web, froito do interese do Concello por situar a nosa administración local no século XXI, sirva para achegar a propios e foráneos un municipio que ten moito que ofrecer e que, sen dúbida, o fará.

Nesa tarefa traballa este equipo de goberno que presido e ese é o meu compromiso persoal con todos vós.

Julio Ignacio Iglesias Redondo