A Concellaría de Urbanismo formula dous proxectos relacionados entre si e que aportarán maior seguridade para veciñanza e crianzas no seu acceso ao colexio e ao pavillón polideportivo municipal.
Os proxectos, xa adxudicados, actuarán sobre os treitos que conectan o paseo marítimo coa rúa Real e esta mesma vía co CPI As Mirandas. Entre os principais cambios, instalarase unha plataforma única que eliminirá as diferenzas entre calzada e aceiras.
O Concello de Ares sumarase a unha das principais tendencias urbanísticas que están a transformar a maneira en que a cidadanía se relaciona co municipio no que habita: recuperará espazo público adicado á mobilidade a pé ou en bicicleta por enriba do vehículo privado e favorecerá, ademais, un lugar seguro onde encontrarse, interactuar e acceder a edificios de interese para a comunidade aresán.
Así, con esta planificación sobre a mesa, o Concello vén de licitar e adxudicar dous proxectos enmarcados nos obxectivos da Red Española de Ciudades Saludables (RECS). Trátase do denominado como “Camiños escolares seguros”, unhas propostas de itinerarios que se executarán en dous treitos do núcleo urbano de Ares e que achegarán unha nova visión dos pasos de peóns, a sinalización e, sobre todo, a pavimentación.
O primeiro treito abarcará dende a rúa Solín, á altura da Avenida Saavedra Meneses (paseo marítimo) ata a rúa Real, vinculando dúas das arterias con maior capacidade de renovación urbana en Ares. Despois, traballarase tamén no treito que une a rúa Real co CPI As Mirandas, finalizando no encontro da rúa Celso Emilio Ferreiro e Maciñeiras.
O ELEMENTO MÁIS TRANSFORMADOR: A PLATAFORMA ÚNICA
En ambos trazados, recóllese unha intervención que contará cun marcado carácter transformador nesta posta en marcha da peonalización de itinerarios. A construción dunha plataforma única nos treitos que se sinalaron anteriormente igualará as cotas das aceiras e da calzada para crear un espazo totalmente accesible, libre de barreiras, e onde o viandante poida transitar sen problemas.
Esta plataforma única contará cunha gama cromática propia, empregando tonos terrizos e diferenciándose do resto da pavimentación pública. Esta planificación das cores responde ó que Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, conceptualiza coma “linguaxe urbanística”. “Empregamos sempre esa cor non só para unificar esteticamente os equipamentos públicos, senón tamén para comunicar os espazos onde o camiñante ten prioridade. É unha linguaxe arquitectónica fundamental na vila”, en palabras de Olimpia Marcos.
Mais tamén haberá outros elementos que contarán coa súa propia pintura, como é o caso dos pasos de peóns, con diferentes cores que chaman a atención dos condutores para reducir a siniestralidade. Empregarán pintura ecolóxica e converteranse noutro dos trazos característicos e diferenciadores das vías seguras e de predominancia do transeúnte.
Finalmente, os caminos escolares propoñen a instalación de sinalizacións verticais que indiquen o itinerario cara o colexio, facendo que sexa ao mesmo tempo seguro e atractivo camiñar da casa ao CPI As Mirandas e promovendo que os nenos converxan nunha mesma rúa; un mesmo lugar onde socializar e participar coma cidadáns de pleno dereito no espazo público.
UN NOVO LUGAR DE APARCAMENTO: BICA E ARRINCA!
Co foco posto máis aló da transformación da mobilidade, esta recente adxudicación dos proxectos tamén implicará a inclusión do programa “Bica e arrinca” na contorna de influencia do CPI As Mirandas. A Concellaría de Urbanismo adaptará un espazo de aparcamento que estará temporalmente limitado e que se destinará a familiares e escolares. Con esta medida, crearase un lugar seguro onde recoller e deixar aos menores durante o proceso de chegada ou saída, axudando a regular o tráfico e reducir os atascos.
Sexa como for, cada unha das actuacións que se proxectan contan cun investimento próximo aos 50.000 euros, impostos incluídos, asumidos entre fondos municipais e a Red Española de Ciudades Saludables (RECS).