O Concello lanza o servizo “Ares desde o Mar” para permitir aos visitantes explorar e percorrer os principais puntos costeiros do municipio.
Esta iniciativa céntrase en destacar o patrimonio litoral e promover a cultura mariñeira.
A concelleira de Turismo, Lucía Blanco, anunciou hoxe a posta en marcha destas rutas turísticas a bordo do pesqueiro M. Presas. Desde este sábado, 22 de xullo, ata mediados de outubro, os percorridos pola costa de Ares estarán dispoñibles durante as fins de semana, cun prezo de 8 euros para menores e 15 euros para adultos.
As viaxes terán unha duración de hora e media (90 minutos) e dividiranse en horarios de mañá e tarde. O M. Presas navegará polas mañás de 11:00 a 12:30, de 12:30 a 14:00, e xa de tarde, de 17:00 a 18:30 e de 18:30 a 20:00.
Ademais, para grupos ou familias que desexen realizar viaxes fóra destes días ou horarios, ofrécese a opción de reservar por un prezo de 120 euros, sempre que o grupo non exceda as 12 persoas. Para iso, é necesario solicitar a reserva con polo menos tres días de antelación.
Durante os paseos, os participantes poderán visitar os principais atractivos costeiros de Ares, como as rocas das Illas das Mirandas, o Mourón ou o porto de Redes, e experimentar a esencia pesqueira e mariñeira a través da observación de nasas e outros aparellos de pesca.
Lucía Blanco, responsable da área municipal de Turismo, salientou que a iniciativa das rutas en barco pola ría ten como obxectivo fundamental resaltar o valor e o potencial deste recurso marítimo único na nosa localidade. A través destas rutas en barco, proseguiu, queremos ofrecer aos visitantes a oportunidade de explorar e apreciar a beleza da nosa costa, así como descubrir a súa importancia ecolóxica e cultural. Ademais, con estas rutas, buscamos fomentar o turismo sostible e o respecto pola nosa contorna marítima.
As persoas interesadas en gozar do servizo de rutas marítimas poden ampliar a información e reservar praza nos teléfonos 609 224 223 e 981 468 259 ou acudindo á Oficina de Turismo.