No evento de clausura, que tivo lugar hoxe nas instalacións do campo municipal de Prados Vellos, estiveron presentes os monitores da Fundación e a concelleira de Deportes, Alma Barrón, representando ao Concello.
O Campus de Verán, froito da colaboración entre a Fundación Celta, o Concello de Ares, a Federación Galega de Fútbol de Ferrol e o Numancia ADR, é unha actividade que cultiva gran éxito cada verán, con todas as súas prazas ocupadas. Os monitores, con ampla experiencia na formación deportiva e procedentes do club olívico, encárganse da formación dos nenos e nenas de 4 a 16 anos, combinando aprendizaxe técnica e diversión.
O enfoque do Campus combina o desenvolvemento integral dos nenos e nenas, non só no ámbito futbolístico, senón tamén na adquisición de valores como a superación persoal, o traballo en equipo, o compañeirismo e a creatividade.
No acto de clausura celebrado esta mañá, a concelleira de Deportes, expresou a súa gratitude cara á Fundación Celta polo seu labor na vila e o compromiso mostrado tanto polo Numancia ADR como polos pais, quen un ano máis confiaron na iniciativa. Alma Barrón, resaltou a importancia deste tipo de iniciativas e asegurou que o Concello de Ares está comprometido en apoiar activamente proxectos deportivos, e especialmente os que, como é o caso deste Campus de verán, fomenten o deporte base. Por parte do equipo técnico da Fundación, o coordinador destacou o bo ambiente lúdico que se viviu durante estes días, e agradeceu aos familiares, Numancia, Concello e alumnos a súa colaboración.