2024-IV CONCURSO MICRORRELATOS_ARES

O Concello e o CPI As Mirandas presentan a cuarta edición do Concurso de Microrrelatos Escolares

Comparte esta nota de prensa

O certame convida á mocidade da vila a presentar ata dous textos non superiores ás 200 palabras cada un antes do 15 de abril ás 19:30 horas coma forma de celebrar o Día do Libro neste mes. De premios, contémplanse unha tablet ou ebook para os gañadores e un lote de libros para os finalistas.

Os escritos poderán remitirse vía telemática aos correos tesmoitalingua@gmail.com e cultura@concellodeares.com ou entregarse presencialmente tanto na Biblioteca Municipal de Ares coma no colexio aresán.

A Concellaría de Cultura e o Centro Público Integrado (CPI) As Mirandas veñen de lanzar unha nova convocatoria do Concurso de Microrrelatos Escolares, unha iniciativa que arrancou en 2021 e procura incentivar a escritura entre os mozos e mozas de Ares, fomentando a súa creatividade.

Coma aconteceu en anteriores edicións, establecéronse dúas categorías para participar: unha para estudantes de primaria (4º, 5º e 6º) e outra para estudantado da ESO. Cada categoría terá un gañador e finalista cos seus respectivos premios: un ebook ou tablet, no caso do primeiro, e un lote de libros para quen acade a final.

O certame literario incentiva a participar tanto ós estudantes inscritos no CPI As Mirandas coma á propia xuventude empadroada na localidade de Ares. Poderanse remitir ata dous microrrelatos, sen que ningún supere as 200 palabras e empregando coma inicio algunha das 5 frases que se contemplan nas bases do concurso:

  • Senteime na última fila do autobús…
  • Toda a vila de Ares era un animal sedento de…
  • Nunca vira tal cousa!
  • Pouco a pouco as rúas ían enchéndose de cor…
  • Case nin o vimos chegar!

O prazo para enviar os textos arrancou onte, 2 de abril, e finalizará o 15 de abril ás 19:30 h. Os participantes poden enviar os seus traballos por correo electrónico (tesmoitalingua@gmail.com ou cultura@concellodeares.com) ou entregalos persoalmente ben no colexio, ben na Biblioteca Municipal de Ares.

Unha vez remate o prazo de presentación de microrrelatos, un xurado composto por profesorado do CPI As Mirandas e por unha persoa proposta pola Concellaría de Cultura seleccionará aos gañadores/as e organizarase unha cerimonia de entrega de premios o martes, 23 de abril, o propio Día do Libro, no salón de actos da Alianza Aresana.

Pódeche interesar