O salón de actos da Alianza Aresana acollerá o venres, 19 de abril, ás 19:30 horas, o acto de presentación de ‘Cinza’, un cómic do ilustrador Manel Cráneo que adapta a novela ‘A nosa cinza’ do escritor Xavier Alcalá, xa considerada coma un dos grandes best-sellers da literatura galega.
Cráneo leva así ao formato gráfico unha novela de Alcalá de corte realista, ambientada case na súa totalidade no Ferrol dos anos 50 e 60, que debulla a vida adolescente na época franquista e as experiencias iniciáticas da mocidade: os primeiros encontros amorosos, a relación coa morte… O cómic de Cinza articúlase a partir dunha paleta cromática branca e negra e amosando espazos cotiáns recoñecibles na contorna ferrolá: a Praza de Amboaxe, a Praza de España ou o Instituto Concepción Arenal.
Será unha boa ocasión para coñecer mellor como foi o proceso de adaptación e a relación entre Manel Cráneo e Xavier Alcalá ante o reto de trasladar a prosa ao cómic, combinando texto e imaxe e pasando das 300 páxinas orixinais ás 140 da novela gráfica.
O acto de presentación enmárcase dentro da programación do Día do Libro que realiza a Concellaría de Cultura de Ares.