Ares rememora a fuxida do Bou Ramón

Comparte esta nota de prensa

A Asociación Memoria Histórica Democrática (AMHD), coa colaboración do Concello e da entidade Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, conmemorou este sábado pasado o 85º Aniversario da fuxida do Bou Ramón, un episodio histórico que é parte da memoria da comarca e, tamén, da identidade de Ares.

Lembrouse así, nun acto conducido polo investigador e escritor Juan Galán, o que fixeron aqueles 27 republicanos un 21 de xullo de 1939, agochados en diferentes localidades da contorna e decididos a fuxir disfrazados de gardas cívis e milicianos falanxistas, tamén facéndose pasar por prisioneiros, abordando o pesqueiro Bou Ramón, en disposición de saír a faenar.

Na xornada celebrada esta fin de semana no Mosteiro de Santa Catalina, proxectouse un vídeo sobre a historia desta fuxida, mais tamén se inaugurou a exposición fotográfica que estará operativa até o 17 de agosto, día no se que se realizará unha visita guiada. A grella de actividades continuou cun coloquio arredor dun dos libros que narran a fazaña da travesía, a cargo de Enrique Barrera, coautor da obra xunto con Eliseo Fernández, e Fernando Ocampo, ilustrador da publicación.

Tamén houbo espazo para que familiares dos republicanos fuxidos achegaran os seus testimonios a través das voces de Roberto Leal e a propia concelleira de Cultura, Alma Barrón, rematando co acompañamento musical da banda aresana A.C. Xábrega.

Pódeche interesar