SendAres 2025, sete rutas para explorar o patrimonio natural galego dende a práctica sendeirística

Comparte esta nota de prensa

O Concello vén de presentar hoxe a nova oferta de rutas que promove na primeira tempada deste programa municipal deportivo, cun itinerario por mes dende outubro até xuño.

A iniciativa permitirá achegarse até diferentes paisaxes de proximidade, redescubrindo dende unha nova perspectiva a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

O mosteiro de Caaveiro, os cantís de Loiba, os territorios de lenda de San Andrés de Teixido ou a natureza aresá serán algúns dos espazos protagonistas do SendAres 2024-2025, a programación municipal de sendeirismo que se organiza dende outubro deste ano até abril do seguinte. Unha oferta que a Concellaría de Deportes vén de presentar hoxe mesmo, achegando información sobre os itinerarios e procesos administrativos das sete rutas que o integran.

O SendAres 2025 manterá, como en anteriores edicións, a súa principal máxima: promover o coñecemento da nosa contorna dende a práctica deportiva, sabendo que o patrimonio natural galego é un dos elementos de maior valor da nosa idiosincrasia. E nesta ocasión as sete andainas axudarán a explorar a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, cunha perspectiva diferente das paisaxes máis próximas á veciñanza.

Especificamente, organizaranse saídas de sendeirismo o 20 de outubro (Circular Soaserra-Caaveiro); o 17 de novembro (Santa Comba-Punta Frouxeira); o 15 de decembro (Costa de Ares); o 19 de xaneiro (Ares, os camiños de Cervás); o 23 de febreiro (Ares, os camiños de Chanteiro); o 23 de marzo (Cabo Ortegal-San Andrés de Teixido) e, finalmente, o 27 de abril (Cantís de Loiba).

Cada unha das rutas contará co seu proceso individualizado de inscrición, habilitando de 25 a 35 prazas en función das características dos percorridos.

De igual xeito, os prezos oscilan dos 5 euros –os itinerarios que percorrerán a costa e interior de Ares, enfatizando a riqueza paisaxística da localidade– aos 20 euros, incorporando o servizo de guía, os seguros necesarios para a práctica da actividade e o desprazamento de ida e volta nos itinerarios que así o precisen.

 

Inscricións para a primeira ruta, abertas dende mañá, 19 de setembro

Seguindo os prazos establecidos pola Concellaría de Deportes, habilitarase un sistema de reserva de prazas integramente telemático a través da páxina web municipal, www.concellodeares.gal, no propio apartado adicado ó SendAres 2025, no que se deberá cumplimentar por andaina unha folla de inscrición cos datos da persoa interesada.

As listaxes configuraranse por orde de solicitude, tendo preferencia na reserva os empadroados/as en Ares, elaborando unha de participantes e outra de garda que se empregará no caso de que houbera baixas.

Asimesmo, a área de Deportes tamén informa que o primeiro dos percorridos, o que atinxe á Circular Soaserra-Caaveiro do 20 de outubro, abrirá mañá, 19 de setembro, ás 14:00 horas as súas inscricións, que estarán habilitadas até o 7 de outubro ás 23:59 horas.

Pódeche interesar