Ares móllase polos ríos
A Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, en estreita colaboración co Concello de Ares, involucrarase xunto con máis de 70 entidades repartidas en 56 concellos de toda Galicia na limpeza simultánea de cursos fluviais que promove a Asociación Ecoloxista ADEGA.
Ao longo do domingo, 29 de setembro, voluntarios e voluntarias dirixiranse ao río Frades para extraer del a basura e elementos contaminantes, deixándoo libre de lixo, mais tamén poñendo sobre a mesa o seu deterioro. Denunciar a contaminación dos ríos volve ser un dos principais obxectivos desta XVII Limpeza Simultánea de Ríos, insistindo nesta problemática ambiental dos ecosistemas fluviais galegos.
Dende a organización recomendan que o voluntariado traia luvas de fregar da casa (as de vinilo ou látex rompen con facilidade), botas de auga, bolsas para a recollida de lixo e paus con punta, de ser posible. A limpeza arrancará ás 11:00 horas.