O Concello de Ares e a Xunta de Galicia dan o último paso que faltaba para materializar as obras de mellora do abastecemento de auga na vila

Comparte esta nota de prensa

As dúas institucións asinaron esta semana un convenio de colaboración polo que se levaba agardando dende novembro de 2023, data na que a administración aresá remitiu toda a documentación á Xunta, e que culmina un proceso iniciado anos atrás para procurar a mellora do sistema de subministro de auga en Ares.

“A renovación do sistema de tuberías, a creación de depósitos en Cervás e Os Castros, a negociación coa Deputación para recibir apoio no investimento, a sinatura dun convenio con eles en outubro do ano pasado… demos moitos pasos para chegar, por fin, a este momento”, en palabras do alcalde da localidade tras a sinatura do convenio.

A culminación dun longo proceso de traballo urbanístico e institucional: así resume a tarde deste mércores pasado o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, despois de estampar a súa sinatura xunto coa conselleira de Medioambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, no convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia.

Este acto realizado en Santiago de Compostela supón dar o último paso que faltaba para materializar a fin dos problemas de auga de abastecemento en Ares, executando nos próximos anos unhas obras cun investimento total de 4,3 millóns de euros, 1,7 millóns achegados pola Xunta e 2,6 millóns polo Concello aresán, mais co apoio da Deputación da Coruña, que sufraga un 40 % desa contía.

“Despois da sinatura do convenio coa Deputación en outubro de 2023, e tras a remisión de toda a documentación pola nosa parte á Xunta de Galicia en novembro dese mesmo ano, seguindo o acordo que se tomou en sesión plenaria, este convenio era o que levabamos agardando dende a anualidade pasada”, salienta Julio Ignacio Iglesias Redondo.

O alcalde lembra que o documento de colaboración asinado remata “con todo o que fixemos anos atrás para loitar pola mellora do abastecemento en Ares: renovamos o sistema de tuberías da vila, a creación do depósito de Cervás, a recuperación do depósito d’Os Castros, negociamos coa Deputación o seu apoio económico para afrontar un investimento desta magnitude, selamos con eles o acordo en outubro de 2023 e agora, por fin, coa Xunta como última administración involucrada”.

 

NOVOS DEPÓSITOS PARA GARANTIR O ABASTECEMENTO TODO O ANO

A sinatura do convenio, que abranguirá até 2028 con posibilidade de ser prorrogado se é necesario, traducirase na execución duns traballos que mellorarán e ampliarán a infraestrutura de abastecemento de auga actual.

Así, construíranse uns novos depósitos co obxectivo de garantir o abastecemento e a presión de auga idónea na vila ao longo de todo o ano, incluído o período estival. Terán unha capacidade próxima aos 3.400 metros cúbicos de volume de almacenamento, dotando ao mesmo tempo dunha reserva de auga potable suficiente como para afrontar situacións de escaseza ou emerxencia.

Xunto a este sistema de almacenamento, incorporarase unha liña de aducción de 2,5 quilómetros de lonxitude dende a conducion xeral na zona de A Barca, e tamén se construirá unha liña de distribución xeral de 1,6 quilómetros dende os novos depósitos ata a súa conexión na contorna de Pedrós.

Con todo isto, poderase garantir auga potable de calidade, presións de subministración axeitadas e a prestación do servizo de abastecemento ao conxunto da veciñanza do municipio.

Pódeche interesar