O Concello instala unha nova iluminación nocturna para o Mosteiro de Santa Catalina

Comparte esta nota de prensa

A administración local vén de finalizar a colocación de 14 proxectores na fachada posterior e lateral do edificio, unhas obras que contaron cun orzamento de 36.884,52 euros asumidos entre a Axencia de Turismo de Galicia e as arcas municipais.

“Co remate desta actuación, logramos completar a homoxeneización da iluminación ornamental de todo o exterior do Mosteiro, un proxecto que se iniciou o ano anterior e que culmina agora, poñendo en valor un edificio de enorme interese patrimonial”, resaltou Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo.

A Concellaría de Urbanismo vén de informar do remate das obras que se estaban a acometer na contorna do Mosteiro de Santa Catalina, executando así o proxecto técnico de iluminación ornamental da fachada posterior e lateral esquerda do edificio.

Instaláronse 14 proxectores nas áreas axardinadas que circundan o Mosteiro, creando unha iluminación uniforme que reflicte tamén no plano horizontal pola reflexión da pedra. Este novo sistema de iluminación ornamental garante o embellecemento da contorna e permite apreciar os detalles artísticos e arquitectónicos do inmoble, un Ben de Interese Cultural (BIC) de gran valor patrimonial.

A actuación contou cun investimento total de 36.884,52 euros asumidos entre o Concello (6.884,52 euros) e a Axencia de Turismo de Galicia (30.000 euros).

 

39 NOVOS ELEMENTOS DE ILUMINACIÓN NOCTURNA EN TOTAL

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, puxo en contexto o proxecto recentemente executado. “Dende o goberno local completamos toda a nova iluminación ornamental do Mosteiro de Santa Catalina. Centrámonos primeiro na fachada principal e lateral dereita para incorporar 17 proxectores e 8 luminariais lineais novas, e agora rematamos coa instalación destes 14 novos elementos sobre a fachada posterior e lateral esquerda”.

Para a edila de Urbanismo, “a finalización deste proxecto reafirma o noso compromiso pola dignificación do Mosteiro, un dos tesouros arquitectónicos da comarca de Ferrolterra: á posta en marcha da iluminación ornamental temos que sumar a recuperación do Cabido de Montefaro ou a rehabilitación da fachada e tamén da cociña, agora convertida en espazo para actividades sociais e culturais”. Todo iso conforma a estratexia de dignificación do Mosteiro de Santa Catalina que se desenvolveu progresivamente ao longo das últimas lexislaturas.

Continuou Olimpia Marcos adiantando que esta non será a última das actuacións na contorna: “Xa estamos a preparar a pavimentación do Camiño da Bailadora, cun desgaste moi acusado, e tamén a incorporación de mobiliario urbano ao longo da vía. Sabemos que toda a península de Montefaro en xeral é un espazo con moito atractivo natural e patrimonial, e estas intervencións axudan a potencialo e poñelo en valor”, concluíu Marcos.

 

Pódeche interesar