A recoñecida autora viguesa Ledicia Costas, unha das voces máis relevantes da narrativa galega contemporánea, presentou este mesmo sábado a súa última novela para adultos, Pel de Cordeiro (Xerais, 2024), no marco da Festa de Catalina 2024 que se celebrou no Mosteiro.
O evento literario programado pola Concellaría de Cultura permitiu afondar nunha obra que toma a Catarina como unha das personaxes protagonistas, tamén incorporando a lenda do seu martirio e beatificación nas súas páxinas. A capela actuou como escenario da conversa entre Ledicia Costas e o escritor Pablo J. Rañales, un marco ideal para esta historia onde as sombras, os conxuros e o tenebroso teñen especial relevancia. E sempre coa atenta mirada de Santa Catarina, xunto coa súa roda dende o retablo, sobre os presentes!
A autora de Pel de Cordeiro debullou as particularidades das dúas mulleres que protagonizan a trama: Catarina, que procede dunha estirpe de bruxas perseguida pola Santa Inquisición no século XIX, estigmatizada malia o seu saber curandeiro, e Lola, bibliotecaria en plena sociedade actual que se atopa nunha crise existencial profunda.
Entre elas haberá unha conexión construída arredor do sobrenatural, pero tamén contarán con outros puntos cun eixo en común: a violencia que sofren cada unha na súa sociedade e as redes de sororidade que se tecen pouco a pouco como forma de resistencia.
O espazo de sinatura tamén foi en consonancia co interese primixenio de Ledicia Costas polo místico e as crenzas sobrenaturais da cultura galega: aproximouse até o altar para asinar os libros á veciñanza entre velas.
No acto literario tamén participaron Alma Barrón, concelleira de Cultura, e Rogelio Pérez Varela, da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina.