Na xornada do venres pasado, o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias, clausurou xunto á delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; o rexidor de Fene, Juventino Trigo, e representantes municipais do Concello de Mugardos o obradoiro Reinicia X nun acto celebrado na casa consistorial mugardesa.
Así, púxose punto e final á formación de dúas modalidades de emprego: a de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, cun período de prácticas no centro de día de Caamouco, e os traballos de carpintería e moble.
Nesta segunda especialidade, os e as estudantes do Reinicia X aplicaron a súa formación teórica con actuacións prácticas que impactaron nas tres administracións promotoras da iniciativa; construíron mobiliario de oficina para o Concello de Fene e urbano para Mugardos, executaron as novas ventás do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro na contorna de Ares e materializaron o relevo do peche perimetral das cabinas de soldadura da nave de formación de San Marcos (Fene).
O acto de clausura finalizou coa entrega dos diplomas de profesionalidade que acreditan o proceso de especialización do alumnado-traballador das mans dos representantes institucionais.
A edición 2024-2025 do Obradoiro Dual de Emprego Reinicia, que estará organizado igualmente polos Concellos de Ares, Mugardos e Fene, impartirá as dúas mesmas especialidades de formación profesional.