A Alianza Aresana acolleu esta mañá a inauguración do programa de formación teórico-práctico coa asistencia das autoridades involucradas na materialización do Reinicia: os tres concellos de Ares, Mugardos e Fene, amais da Delegación Territorial da Xunta en Ferrol.
Dúas serán as especializacións do alumnado: por unha banda carpintería e moble, con aplicación de varnices e lacas, e pola outra atención sociosanitaria a persoas dependentes.
O alcalde da localidade, Julio Ignacio Iglesias como representante de Ares; Juventino Trigo, rexidor de Fene; Ana Varela, edila de Mugardos; Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol e Juan José Couce, director territorial de Emprego, inauguraron hoxe o Reinicia XI, o obradoiro dual integrado polos tres concellos e que promove unha formación téorico-práctica para a mellora profesional do seu alumnado-traballador.
Vinte serán as persoas que concurrirán nas dúas especialidades dentro desta undécima edición nos vindeiros 9 meses, con dez prazas habilitadas en cada unha. Poderán formarse en Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e en Traballos de carpintería e Moble, cunha modalidade centrada na aplicación de lacas e varnices.
Como xa é común nesta tipoloxía de itinerario formativo, ambas opcións contemplan contratos de aprendizaxe en empresas e contornas reais de traballo e incluirán certificados de especialización profesional para impulsar o atractivo dos perfís laborais do alumnado.
No caso de Ares, actuarase no centro de día de Caamouco, exercendo as tarefas de atención sociosanitaria, e promoveranse intervencións nas carpinterías exteriores do Mosteiro de Santa Catalina, con especial énfase na colocación ou substitución de ventás ou o mantemento do resto de carpinterías instaladas en anteriores obradoiros do Reinicia.
De feito, o alcalde do Concello de Ares, Julio Ignacio Iglesias, enfatizou a relevancia dos obradoiros de emprego, “que axudaron considerablemente ó mantemento de Santa Catalina” e que salientan “o criterio de colaboración entre as administracións locais”. Para o rexidor aresán non se trata unicamente das “posibilidades de inserción no mercado laboral, senón que tamén o que facedes –en referencia ao alumnado– ten impacto directo no municipio”.
Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, agradeceu o “esforzo municipal desenvolto” para materializar o Reinicia XI e valorou positivamente “a colaboración ano tras ano entre a Xunta e os concellos” para achegar esta “formación transversal destinada á mellora da empregabilidade con oficios con considerable demanda”.
O obradoiro dual de emprego conta coa subvención e apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.