O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias, rubricou a súa sinatura o venres pasado xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o rexidor de Valdoviño, Alberto González, no convenio para a posta en marcha da primeira fase do Plan de Recuperación das Baterías Militares de Ferrolterra, que inclúen actuacións tanto na nosa localidade como en Valdoviño e o Concello de Ferrol.
Deste xeito, o convenio actúa como o punto de partida para a redacción dos proxectos e as primeiras obras de acondicionamento da contorna das baterías da Bailadora, en Montefaro, que contarán cun investimento inicial de 355.242,60 euros.
Esta inversión, de forte calado para a vila, permitirá recuperar o antigo emprezamento e contribuír á súa dinamización como atractivo turístico, tendo en conta o seu considerable valor patrimonial para toda a comarca.
Dende a presidencia da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso enfatizou o feito de “dar os primeiros pasos dun proxecto moi ambicioso de recuperación do patrimonio da costa de Ferrolterra, desenvolto en varias fases” polo gran volumen económico que se mobiliza.
O proxecto será fundamental no proceso de dignificación do valor histórico intrínseco á pantalla defensiva creada a principios do século pasado en Ares, Valdoviño e Ferrol, coa contribución de centos de persoas na súa construción, e aspira a ser unha referencia en Europa no marco da divulgación desta tipoloxía de estruturas defensivas.
Nesta primeira fase, a maiores da redacción dos proxectos, tamén se poderán exectuar traballos de desbroce e acondicionamento e recuperación dos accesos, así como de parte das edificacións, e instalación de nova sinalización.