O Concello de Ares recibe a aprobación dos dous ámbitos suspendidos do seu PXOM

Comparte esta nota de prensa

A Xunta de Galicia vén de notificar a luz verde ao Núcleo de Identidade Litoral (NIL) de Seselle e á Punta da Pena, en Os Castros, de tal xeito que o PXOM queda aprobado definitivamente en todo o termo municipal.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo: “Despois de anos de traballo administrativo, chéganos un documento moi agardado principalmente polos veciños e veciñas de Seselle. Con esta aprobación, queda desbloqueada a situación urbanística do seu núcleo rural”.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta vén de remitir a aprobación definitiva dos dous ámbitos suspendidos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ares. En 2020, o Núcleo de Identidade do Litoral (NIL) de Seselle e a Punta da Pena, en Os Castros, ficaban en suspenso, o que conlevaba a imposibilidade de materializar aproveitamentos urbanísticos nas dúas zonas afectadas.

Despois de anos de tramitación e dun traballo de estudio pormenorizado das dúas areas por parte do Concello de Ares, co foco en deseñar unha normativa adaptada aos requerimentos da Xunta de Galicia, a administración aresán recibiu a luz verde este mesmo luns, 13 de xaneiro.

E, deste xeito, o NIL de Seselle conta xa cunha normativa urbanística específica  para as súas condicións de núcleo litoral, e tamén Punta da Pena presenta un novo vial peatonal para garantir os accesos dos peóns, dando cumplimento á Lei de Costas.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, contextualizou a nova que recepcionou o Concello: “trátase dunha aprobación moi agardada pola veciñanza do núcleo rural de Seselle, pois permite volver a realizar os aproveitamentos urbanísticos  que contempla o PXOM nos inmobles e fincas da zona, bloqueados até o de agora pola suspensión que estaba vixente”.

Así, a veciñanza non está xa limitada ao mantemento, puidendo executar intervencións que modifiquen ou amplíen os seus inmobles dentro da legalidade vixente e nunha contorna tan relevante como a de Seselle, moi próxima aos areais e cun interese urbanístico considerable na vila por esa mesma cercanía.

Pódeche interesar