‘Aventuras Dixitais’, a nova actividade municipal relacionada coa tecnoloxía para os rapaces e rapazas de Ares

Comparte esta nota de prensa

A Aula CeMIT da Casa da Xuventude centralizará esta iniciativa extraescolar totalmente de balde destinada á mocidade de entre 9 a 17 anos, divididos en dous grupos.

En sesións de dúas horas, dende marzo ata xuño, a rapazada poderá aprender programación e robótica, manexar realidade aumentada e virtual ou coñecer a relevancia de protexer os seus datos na contorna da Internet.

O Concello de Ares promoverá na Casa da Xuventude unha actividade lúdico-educativa para que rapaces e rapazas poidan divertirse coñecendo, ao mesmo tempo, a complexidade da tecnoloxía. ‘Aventuras dixitais é o nome que recibe este proxecto extraescolar totalmente de balde cunha duración que abranguerá dende mediados de marzo até xuño.

Os rapaces e rapaces dividiranse en dous grupos de 12 prazas, cada un con contidos e dinámicas adaptadas ás franxas de idade que teñan nas sesións de dúas horas.

  • O primeiro será para crianzas de 9 a 13 anos e desenvolverá a súa actividade todos os luns, de 16:00 a 18:00 horas, dende o 17 de marzo ao 16 de xuño.

  • O segundo deles destínase a adolescentes de 14 a 17 anos, con sesións todos os mércores, de 16:00 a 18:00 horas, do 19 de marzo ao 18 de xuño.

No relativo ós contidos, haberá a posibilidade de interactuar con realidade aumentada e virtual, aprender de robótica, intelixencia artificial (IA) e programación, ou mesmo ás posibilidades existentes á hora de impulsar a creatividade na contorna virtual.

Tamén se incorporarán módulos educativos onde se debullará como facer un uso responsable e consciente da tecnoloxía, a prevención do ciberacoso e a relevancia da ciberseguridade na vida diaria dixital dos adolescentes. Todo isto mantendo un enfoque lúdico para construír un lecer saudable para mozos e mozas de Ares.

A iniciativa impúlsase da man da Fundación Esplai con financiamento dos fondos NextGeneration da Unión Europea.

PROCESO DE INSCRICIÓN XA ABERTO

Para formalizar a reserva de praza en Aventuras Dixitais, pódese contactar dende hoxe, venres, 28 de febreiro, vía e-mail con irene.ferreira@fundacionesplai.org especificando inicialmente nome e apelidos, idade e concello onde se atopa empadroado o rapaz ou rapaza. O proceso de inscrición estará aberto ata o 7 de marzo, inclusive.

A participación da mocidade na actividade extraescolar inclúe un diploma acreditativo do itinerario de 30 horas de aprendizaxe que recibirán ao peche do curso, en xuño.

Pódeche interesar