Inaugúrase a exposición ‘Destino Igualdade’ na Casa da Xuventude de Ares

Inaugúrase a exposición ‘Destino Igualdade’ na Casa da Xuventude de Ares

Comparte esta nota de prensa

O Concello vén de inaugurar no andar superior da Casa da Xuventude a última exposición instalada nesta infraestrutura municipal, un conxunto de paneis que narran a historia de Nagalaskhmi, unha condutora dos típicos mototaxis da India, os autorickshaw, rompendo desta forma os roles, estereotipos e prexuízos de xénero.

Baixo o título ‘Destino Igualdade’, a exposición forma parte das programacións do Concello para celebrar o 8M, Día Internacional da Muller, e permite achegarse a unha experiencia de resiliencia, superación e empoderamento feminino tanto de Nagalaskhmi como a do resto de mulleres que tamén exercen de condutoras de mototaxis, todas elas formadas pola Fundación Vicente Ferrer, a ONGD que colabora coa institución aresá na posta en marcha desta exposición.

As persoas que se animen a percorrela poderán realizar unha viaxe na autorickshaw de Nagalaskhmi con catro paradas ou retos: a educación de calidade, o liderado social, a independencia económica e a seguridade alimentaria. Catro paradas que camiñan cara un mesmo destino: a igualdade.

A exposición, financiada pola Xunta de Galicia e Cooperación Galega, estará dispoñible no horario de apertura da Casa da Xuventude: de luns a venres, de 10:00 a 14:00 h ata o 14 de marzo.

Pódeche interesar