O municipio aresán conmemorou durante o peche da semana pasada o aniversario dunha institución fundamental na identidade colectiva da vila: a Alianza Aresana cumpriu 121 anos de historia cun múltiples actividades impulsadas dende o Concello, todas elas centradas en destacar a relevancia simbólica desta agrupación que tanto contribuiu ó progreso social de Ares.
A programación arrancou o xoves cun emotivo acto para homenaxear ao primerio presidente da Alianza Aresana de Instrución, renomeando a coñecida como Praza do Tilo a Praza Domingo Troche, xusto diante da primeira das escolas que construíu a agrupación que presidía.
De feito, o edificio que xurdiu en base ás achegas dos aresáns integrantes da Alianza Aresana continúa a ser na actualidade un motor formativo que nos lembra a importancia da cultura e a educación no municipio. Este primeiro acto institucional pechouse coa lectura da acta fundacional da sociedade de instrución decana de Galicia por parte de representantes municipais e de distintos colectivos relacionados coa historia indiana de Ares.
Mais a conmemoración do aniversario non só se destinou aos adultos, pois os pequenos e pequenas tiveron os seus propios obradoiros de manualidades para dar vida e cor á edificación indiana. Creatividade e historia camiñaron da man!
A celebración culminou o venres con melodías de orixe cubano, ritmos alén do mar grazas ao dúo Son Boleros. Chachachás, guarachas, sones… toda unha homenaxe á música latina nun salón de actos da Alianza Aresana cheo.
A programación, organizada pola Concellaría de Cultura, contou coa colaboración da Deputación da Coruña, Ares Indiano e Patrimonio Indiano. Un xeito de coidar #ANosaHistoria, a que nos define e nos sitúa no mundo.