Durante esta fin de semana do 10 e 11 de maio, o programa municipal de sendeirismo do Concello, SendAres 2024-2025, organizou unha saída extraordinaria fóra de Galicia, explorando algúns dos espazos máis singulares da Cordilleira Cantábrica.
O sábado arrancou coa Travesía Tarna-La Uña, un percorrido de 11 quilómetros polo corazón do Parque Natural de Redes, Reserva da Biosfera dende 2001. Os sendeiristas camiñaron acompañados pola brétema a través de pasos de montaña e mesmo restos de fortificacións defensivas republicanas, mesturando os ecos da historia co desfrute da natureza.
E o domingo tocou mirar cara arriba e ascender o impoñente Pico Gilbo, sobre a localidade de Riaño, unha das cimas máis emblemáticas da montaña Oriental Leonesa. Unha ascensión única pola súa cara norte, entre pendentes de pedra caliza, que mereceu a pena: o Gilbo regalou aos participantes unhas vistas incribles e a satisfacción de superar o reto que propoñía.
Dous días de desconexión e de andainas por paraxes de gran beleza, empregando o sendeirismo como ferramenta para coñecer e valorar as contornas naturais de proximidade: as galegas e as de máis aló.
Un par de xornadas inesquecibles para os participantes do SendAres 2024-2025!