A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, e a edila de Benestar e Igualdade, Victoria Montenegro, recibiron onte á delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, para visitar unha das tres actuacións de mellora que se están a realizar en estradas de titularidade autonómica –nomeadamente, a AC-123, a AC-124 e a AC-130 –, no municipio aresán.
Nesta ocasión, a visita produciuse na Avenida de Redes, onde se materializaron os traballos de aglomerado, renovación de sinalización e pintado, xunto cunha execución dunha glorieta no punto quilométrico 2+080.
Con todo, a actuación da Xunta tamén tivo impacto na Avenida de Mugardos e se desenvolverá unha terceira intervención proximamente no tramo urbano de Redes, a AC-124, onde se procederá á reposición dos carrís.
En total, investirase en Ares uns 240.000 euros entre os tres viais autonómicos involucrados.