Inscrición vía telemática na seguinte ligazón: https://gplus.typeform.com/seminarioAres.
- O Concello impulsa unha xornada de mañá durante o mércores, 25 de xuño, para abordar a problemática da violencia de xénero dende diferentes perspectivas, abranguendo toda a súa complexidade.
- A iniciativa require de inscrición previa vía telemática, xa operativa, e contará coas ponencias de Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña (UDC) e especialista en Estudos de Xénero.
O Centro de Información á Muller (CIM) e a Concellaría de Igualdade e Benestar veñen de presentar todo o programa vencellado co seminario “Interseccionalidade e violencia de xénero”, unha iniciativa que se celebrará o mércores, 25 de xuño, na Alianza Aresana e que pretende fomentar unha reflexión colectiva arredor desta problemática tan relevante para a sociedade.
A xornada axudará a sensibilizar e debater arredor da lacra da violencia de xénero, mais aplicando unha perspectiva interseccional que teña en conta as súas múltiples dimensións. Destínase a profesionais do ámbito social, educativo, sanitario e xurídico, mais tamén a calquera persoa interesada en afondar na temática.
A programación estrutúrase arredor de dúas charlas, unha delas cun enfoque teórico e a outra baixo unha perspectiva práctica, impartidas por Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña, investigadora e experta en Estudos de Xénero.
A experta abordará contidos sobre o impacto da violencia en mulleres migrantes ou con discapacidade e como cambia en función do eido rural ou urbano; a situación lexislativa actual ou as pautas para a mellora da atención a vítimas de violencia de xénero dende os xulgados, o eido sociosanitario ou a intervención psisocial,
HORARIO E INSCRICIÓNS
Arrancará o seminario ás 11:00 h., coa inauguración institucional por parte do alcalde, Julio Ignacio Iglesias, e a concelleira de Benestar e Igualdade, Victoria Montenegro, e continuará xa coa primeira das ponencias, de 11:10 h. a 12:00 h. Haberá unha pausa para o café de media hora e rematará a xornada coa última sesión entre as 12:30 e 13:30 h.
Para sumarse ó seminario, a entrada é totalmente de balde, mais precisa de reserva previa formalizando a inscrición vía telemática na seguinte ligazón: https://gplus.typeform.com/seminarioAres.
A iniciativa impulsada polo Concello inscríbese nas Axudas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
UNHAS XORNADAS PREMIADAS POLA FEMP
Este seminario de Interseccionalidade e Violencia de Xénero está estreitamente vencellado cunha das últimas boas novas para o Concello, como foi o premio da FEMP á administración aresán no seu IX Concurso de Boas Prácticas Locais contra a Violencia sobre as Mulleres, un recoñecemento recibido en marzo deste ano e que constata o traballo de vocación pública desenvolto ao longo de máis de 17 anos en materia de prevención desta problemática.
Así, Ares non só se converte en espazo de diálogo e análise da violencia de xénero a través do seminario, senón que outono tras outono o Concello organiza unhas xornadas especializadas nesta materia e que contribúen a facer da vila un lugar de debate, formación e prevención da lacra estrutural que é a violencia contra as mulleres.
PROGRAMA EN PDF: ARES SEMINARIO INTERSECCIONALIDADE E VIOLENCIA DE XENERO 2025