- A Alianza Aresana foi durante toda esta mañá escenario de divulgación, análise e debate arredor desta lacra social grazas á xornada impulsada polo Centro de Información á Muller (CIM) e a Concellaría de Igualdade e Benestar.
O salón de actos da Alianza Aresana acolleu hoxe a actividade do seminario “Interseccionalidade e violencia de xénero”, unha xornada de carácter divulgativo e formativo organizada polo Concello co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e dentro do marco das Axudas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Victoria Montenegro, e o director do Centro de Información á Muller (CIM), José Luis Castro, abriron institucionalmente o acto, un evento fundamental á hora de construír un espazo de reflexión arredor da problemática estrutural que é a violencia contra as mulleres. Ao longo da mañá, as persoas asistentes seguiron as dúas ponencias da doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña (UDC), Iria Vázquez Silva, nas que se abordaron as múltiples dimensións da violencia de xénero.
Durante as súas charlas, unha delas con perspectiva teórica e a outra máis práctica, Iria Vázquez afondou na necesidade de atallar a violencia de xénero desde un enfoque interseccional, poñendo sobre a mesa os desafíos existentes en materia de atención ás vítimas. Repasou conceptualmente cuestións como o feminicidio e a situación lexislativa actual e puxo o foco en como diversas condicións —da orixe étnica ou á idade á discapacidade, o contexto rural-urbano ou o consumo de drogas— inciden no grao de vulnerabilidade das mulleres fronte á violencia machista.
Mais os contidos non ficaron só no puramente analítico, senón que se propuxeron posibles pautas a aplicar na mellora da intervención desde tres eidos chave: o psicosocial, o xurídico e o sociosanitario, convidando ós asistentes a compartir as súas experiencias e dúbidas coa experta da UDC.
Con todo, esta iniciativa vén a complementar o compromiso continuado do Concello en materia de prevención da violencia de xénero e procura da igualdade, unha liña de traballo premiada recentemente no IX Concurso de Boas Prácticas Locais contra a Violencia sobre as Mulleres da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), poñendo en valor o feito ao longo de máis de 17 anos con xornadas divulgativas deste tipo.