Este domingo, 29 de xuño, o municipio aresán viviu unha tarde marcada polo talento da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia, unha actuación que puxo fin á súa tempada 2024-2025 na Igrexa de San Xosé, no núcleo urbano da vila.
Máis de 90 mozos e mozas de 6 a 15 anos dos grupos Pizzicato e Arcos achegáronse ata alí para interpretar un repertorio que viaxou dos clásicos de Haendel e Haydn ata pezas contemporáneas como Viva la Vida de Coldplay ou a banda sonora de Piratas do Caribe.
A actividade, organizada pola Concellaría de Cultura, permitiu á veciñanza desfrutar dunha proposta musical de calidade e recoñecer o bo futuro que ten a Sinfónica de Galicia, unha das agrupacións máis destacadas do panorama galego e estatal.
Unha xornada de cultura e boa música nun marco moi singular!