O Concello aumenta a oferta das súas rutas de sendeirismo cun terceiro itinerario de 10 quilómetros ata Punta Segaño

Comparte esta nota de prensa

  • A concelleira de Turismo, Lucía Blanco, presentou hoxe o novo camiño, que transcore integramente pola parroquia de Cervás e complementa as outras dúas rutas xa existentes.
  • “Incrementamos un dos principais produtos turísticos de Ares cun novo itinerario que xa está aberto para o desfrute da veciñanza e de visitantes, totalmente sinalizado, co seu track en liña e con dípticos informativos del”, salientou Blanco.

 

Unha nova senda para coñecer o municipio aresán e o seu patrimonio natural aglutinando turismo e deporte: así o detallou esta mañá Lucía Blanco, edila da área turística do Concello, na presentación da terceira ruta de Camiños de Ares, o conxunto de roteiros a pé que permiten afondar na paisaxe e historia da vila dende a práctica do sendeirismo.

“Hoxe lanzamos oficialmente un itinerario no que levamos xa tempo traballando e que supón unha mellora da nosa oferta municipal de rutas de sendeirismo, o que chamamos Camiños de Ares. Trátase dunha nova senda de 10 quilómetro que comeza e remata no CIRS Cervás e axuda a coñecer espazos tan singulares como o Mosteiro de Santa Catalina, a praia de Chanteiro ou a ermida da Mercé”, expuxo Lucía Blanco durante a presentación.

Baixo o nome de ‘Ruta 3: Punta Segaño’, os futuros sendeiristas subirán ata Montefaro dende Cervás para ollar alí as impresionantes vistas da ría de Ferrol e a de Ares, mais tamén da cidade da Coruña e, en días despexados, mesmo da costa de Malpica coas Illas Sisargas. E será un itinerario onde se mesture a natureza cos ecos da historia, achegándose ás antigas construcións militares que defenderon no pasado o Golfo Ártabro.

Esta terceira ruta vén a constatar o esforzo feito conxuntamente entre a Concellaría de Turismo e a Concellaría de Deportes por construír en Ares unha proposta que aglutine vida saudable e práctica turística. Na actualidade, o municipio tamén conta coas denominadas como Ruta 1: Castro de Santa Mariña e Ruta 2: Punta Coitelada, dúas propostas ideais para achegarse tanto á beleza da costa aresá como á riqueza do seu interior.

INFRAESTRUTURA DE SENDEIRISMO

Lucía Blanco salientou no acto de presentación “que estamos impulsando paulatinamente unha infraestrutura de sendeirismo que cubra todo o territorio, de tal xeito que os veciños e os visitantes poidan desfrutar de Ares a pé e coñecer o que somos explorando as nosas costas, a nosa paisaxe”.

As tres rutas do Concello parten dun trazado sinalizado con postes de madeira sobre o terreo, mais tamén está dispoñible todo o contido vencellado con elas na web institucional –o apartado adicado a Camiños de Ares–, na plataforma Wikiloc e en varios dípticos informativos que xa están postos a disposición das persoas interesadas no consistorio e na Oficina de Información Turística (OIT).

DÍPTICO INFORMATIVO EN PDF: Camiños de Ares-R3-Punta Segaño

 

 

Pódeche interesar