Este domingo, o Porto de Redes acolleu unha nova edición dunha das súas celebracións máis características: a Festa da Cabria. Organizada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco, coa colaboración do Concello de Ares, a xornada puxo en valor a memoria mariñeira impulsando unha programación para mesturar o lúdico coa lembranza da vida pesqueira e contou con representación institucional coa presenza da concelleira Olimpia Marcos.
A cabria volveu ser protagonista indo máis aló da súa estrutura de madeira grazas ao seu carácter simbólico, ao sintetizar e representar as vivencias que conectan á veciñanza co mar. O pendurado das redes na cabria recordou esa mesma imaxe histórica, tan ancorada na vila.
Durante toda a xornada, houbo espazo para a feira de artesanía, obradoiros de peixiños e costura de redes, xogos infantís, exhibicións das redeiras de Malpica e ata música en directo con animación de rúa de Trouleada ou Retrincos e o concerto do grupo As Pías. A polbeira de Carballiño foi a encargada de poñer o toque gastronómico.
Un ano máis, a Festa da Cabria recordou a relevancia da cultura mariñeira na identidade de Redes e do municipio en xeral.