A divulgación sobre o proceso migratorio chegará a Ares co Seminario de Cultura Ultramarina e as exposicións tematizadas

Comparte esta nota de prensa

A Alianza Aresana actuará de novo como epicentro de actos divulgativos para a oitava edición do Ares Indiano, no marco do Seminario de Cultura Ultramarina que propón o Concello. O seu salón de actos acollerá tres iniciativas que porán o foco no proceso migratorio dende diferentes perspectivas.

A primeira delas chegará ás 12:30 h. do sábado, 23 de agosto, a modo de relatorio cunha panorámica da Habana galega grazas á intervención de Arantza Fernández Crespo, directora da Cátedra Neira Vilas de Lingua Galega na Universidade de Habana e coñecedora do contexto social e educativo da cidade cubana.

Continuará o segundo evento divulgativo ás 19:30 horas do sábado, mais desta volta coa mirada posta no Libro de Actas da Alianza Aresana de Instrucción, delegación de Ares, que permite percorrer ao longo do tempo a súa evolución e obxectivos. Será, ademais, un acto que contará coas análises do estudoso local Javier Vilasánchez.

E completará o Seminario de Cultura Ultramarina a presentación de A hora sinalada, novela de Rafael Catoira gañadora do III Premio Alén de Novela Curta Concello de Ares, facendo que a literatura contribúa a entender o fenómeno migratorio dende novas ventás polas que ollar. Será o domingo, 24 de agosto, ás 12:00 h., con presenza do autor, a concelleira de Cultura, Alma Barrón, a editora de Hércules de Ediciones Laura Rodríguez e Nina Pantín, escritora.

EXPOSICIÓNS TEMATIZADAS EN ARES, CAAMOUCO E CERVÁS

A condición divulgativa do Seminario de Cultura Ultramarina verase complementada grazas ás exposicións que se instalarán durante o 22, 23 e 24 de agosto en tres edificios que sintetizan a pegada indiana no municipio, inteconectando así os centros de instrucción creados en Caamouco, Cervás e Ares.

A Alianza Aresana contará coa mostra ‘Mulleres na emigración: Uruguay’, namentres que na Agrupación Instrutiva de Caamouco se instalará a exposición ‘Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración’ e no CIRS de Cervás Delfín Vázquez, retratista de indianos’.

As mostras expositivas estarán dispoñibles de 11:30 a 13:30 h. e de 18:30 a 20:30 h.

 

Pódeche interesar