Ares viaxa ao pasado para coidar da súa memoria colectiva arredor da migración

Comparte esta nota de prensa

  • Representantes das principais institucións involucradas na oitava edición do Ares Indiano, mais tamén dos axentes colaboradores e patrocinadores, inauguraron esta mañá o evento na Alianza Aresana, símbolo dos esforzos feitos polos indianos a prol da democratización educativa.
  • Durante esta fin de semana, o municipio contará con multitude de actividades lúdico-culturais para recoñecer e homenaxear a quen migrou cara América, máis aló do éxito económico ou social que puideran acadar.

 

A diáspora galega e as relacións de Galicia con América serán protagonistas nesta fin de semana do gran abano de actividades que se promoverán polo VIII Ares Indiano. O evento axudará á veciñanza e visitantes a adentrarse no pasado da vila para lembrar todo o que achegaron aquelas persoas que migraron na procura dun futuro mellor, pugnando polo impulso social e material do seu fogar.

Así, esta mesma mañá as principais autoridades vencelladas coa celebración indiana reuníronse nun salón de actos da Alianza Aresana cheo para inaugurar a súa oitava edición.

O acto principiou coas palabras do Alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, que salientou o fundamento do evento: “dar a coñecer as vicisitudes dos nosos familiares, dos antepasados, e da súa experiencia vivida, sabendo que así facemos que os erros non se repitan e os acertos calen fondo”. O rexedor fixo fincapé “nesa historia aresá da que sentirse moi orgullosos, que está nas nosas casas en forma de cartas, de recordos”, e que agroma ano tras ano no Ares Indiano.

Tamén acudiu o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que destacou na súa alocución “o produto diferenciador e de altísima calidade que é o Ares Indiano”, cun considerable posicionamento cultural e turístico; motivantes da colaboración da institución provincial, que se materializa “cunha mostra dunha artesanía galega de calidade e unha mellor gastronomía” no seu propio Espazo Deputación.

E foron eles os encargados, xunto coa concelleira de Cultura, Alma Barrón, de entregar as vinte placas de agradecemento aos representantes dos patrocinadores e axentes colaboradores, “fundamentais para a materialización do Ares Indiano”, segundo a área de Cultura Municipal. O peche da inauguración institucional correu a cargo da voz e composicións de Geno Fernández, con 4 pezas para transportarse por un momento ao outro lado do océano.

A maiores do sinalado, tamén fican xa dispoñibles as tres exposicións tematizadas: a Alianza Aresana conta coa mostra ‘Mulleres na emigración: Uruguay’, namentres que na Agrupación Instrutiva de Caamouco se instalou a exposición ‘Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración’ e no CIRS de Cervás ‘Delfín Vázquez, retratista de indianos’ .

As mostras expositivas están abertas de 11:30 a 13:30 h. e de 18:30 a 20:30 h.

UN XEITO DE CONMEMORAR O LEGADO DOS MIGRANTES

Tras o acto institucional, continuará unha programación lúdico-cultural diversa, tanto no núcleo urbano da vila como nas parroquias, cun abano de actividades para que ninguén quede sen sumarse a esta particular homenaxe da memoria migratoria de Ares. Pasarrúas e agrupacións musicais percorrerán o municipio, haberá os roteiros a pé con Cayetano Lledó, en barco ou en autobús histórico, exposicións e photocall indiano coa Sociedade Cultural O Tilo, o Mercado Indiano no paseo marítimo e o Espazo Deputación no Parque Rosalía…  En esencia, gastronomía, música, clases de baile e daranse da man nas próximas xornadas.

Ao longo deste sábado, 23 de agosto, organizaranse obradoiros infantís tematizados; Branca Escrigas pintará en directo escenas indianas co seu talento para as acuarelas entre as 12:00 e 14:00 h.; haberá showcookings con Nair González e degustación de chocolate grazas a Tomás Rodríguez, de Oxoco; quen o desexe aprenderá a moverse ao compás dos ritmos latinos con Adrián Afonso (19:30 h.) e a divulgación terá o seu oco coa presentación do Libro de Actas da Alianza Aresana de Instrucción, delegación de Ares e das explicacións do estudoso local Javier Vilasánchez (19:30 h.). Septeto Naborí, xa ás 22:30 h., porá á veciñanza a bailar con melodías traídas dende a illa de Cuba.

Mañá domingo, 24 de agosto, proseguirán as animacións de rúa pola vila e seguirán dispoñibles, como ao longo de toda a fin de semana, as exposicións no CIRS de Cervás, a Agrupación Instrutiva de Caamouco e a Alianza Aresana; tres edificios de considerable revelancia, ao sintetizar a pegada indiana aresá. Os amantes da automoción poderán visitar a mostra de vehículos históricos en Redes (de 14:30 a 16:00 h.), na baixada ao Pedregal, e os máis lectores atoparán iniciativas cun marcado toque literario: a presentación de ‘A hora sinalada’ (12:00 h.), de Rafael Catoira, obra gañadora do III Premio Alén de Novela, e o espectáculo de narración oral de  Vero Rilo e Santi Cribeiro, Tralalareira (13:15 h).

Ao peche do 24 de agosto, ás 22:00 h. na Praza da Constitución, a voz de Xabier Díaz e as pandeiretas de As Adufeiras do Salitre despedirán o VIII Ares Indiano mesturando a tradición oral galega co contemporáneo e rescatando os sons máis arraigados do territorio.

Con todo, a programación inclúe máis actividades que se poden ver na web municipal: https://concellodeares.gal/viii-ares-indiano-22-23-e-24-de-agosto-2025/

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Conta atrás para o Ares Indiano!

As follas de palmeira espállanse pola vila, chegan os ritmos e as melodías alén mar, prepáranse os postos e tamén ondea a bandeira de Cuba