Finalizan as obras de acondicionamento do muro anexo ao CPI As Mirandas

Comparte esta nota de prensa

  • O Concello concluíu os traballos de embelecemento e acondicionamento do muro exterior do CPI As Mirandas, un espazo lindante co aparcamento e de paso obrigado cara ao acceso ao colexio.
  • A intervención contou cun investimento próximo aos 30.500 euros, IVE incluído, asumido entre o Concello e o Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia.

 

A área de Urbanismo municipal vén de informar do remate da actuación de acondicionamento no muro anexo ao CPI As Mirandas, unha estrutura que xa presenta un novo revestimento baseado nun chapado de granito, amais de listóns de madeira de castaño nas zonas que conteñen ás árbores. De igual xeito, a intervención permitiu mellorar os bancos de formigón, gañando en comodidade e promovendo un impulso estético do muro.

Grazas a estes traballos, o muro loce agora unha imaxe máis harmoniosa e integrada coa contorna, elimindando o feísmo da estrutura inicial e converténdose nun espazo de espera e relación máis acolledor para estudantado e veciñanza.

O proxecto contou cun orzamento de 30.455,88 euros, dos cales 10.455,88 euros foron asumidos polas arcas municipais e 20.000 euros polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta, e dá continuidade á liña de traballo do equipo de goberno centrada en rematar co feísmo en diferentes espazos municipais, como aconteceu no peche das Escolas do Lagou ou nos vestiarios das pistas deportivas de Pedrós.

 

Pódeche interesar