A rúa Irmáns Bugallo verá renovados os seus servizos e pavimentos

Comparte esta nota de prensa

  • Onte mesmo aprobouse en sesión plenaria extraordinaria a inclusión desta intervención no POS+2025 Adicional, de tal xeito que a Deputación investirá 100.765,36 euros e o Concello, 43.193,59 euros, para facela realidade.

 

A corporación municipal vén de aprobar por unanimidade no pleno extraordinario de onte, 9 de setembro, unha nova proposta de investimento dentro do POS+2025 Adicional da Deputación da Coruña. E con esta decisión, poderanse coordinar os fondos do Concello e da institución provincial para impulsar o proxecto de mellora tanto de servizos coma de pavimentos na rúa Irmáns Bugallo, no núcleo urbano de Ares.

Baixo un investimento total de 143.958,95 € (43.193,59 euros do Concello e 100.765,36 de Deputación), acometeranse obras civís no alumeado público, mais tamén traballos de mellora no servizo de abastecemento coa creación dunha rede separativa de augas pluviais e fecais e a renovación da rede de auga potable. Posteriormente executarase a pavimentación de toda a rúa para rematar co estado de deterioro avanzado do firme e das irregularidades da rasante, así como a sinalización de tráfico.

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, subliñou a “liña continuista do Concello dentro do POS da Deputación ao longo destes anos, pois entre o investimento provincial e o municipal impulsamos progresivamente un conxunto de actuacións para renovar infraestruturas de abastecemento e saneamento, ademais dos pavimentos, pola localidade”.

Marcos lembrou os proxectos de renovación de servizos e pavimentación xa executados  en rúas como “a San Xosé, a Fomento ou a Rúa dos Anxos”, ás que se sumará Irmáns Bugallo ou a Rúa María, no núcleo urbano de Ares, con cargo tamén ao POS+2025.

Pódeche interesar