A XVIII edición de ‘Móllate polos ríos’ volve a Ares

Comparte esta nota de prensa

  • A acción medioambiental, na que colabora o Concello e a Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, producirase ao longo do 21 de setembro de 10:30 a 12:00 horas.
  • A actuación de limpeza, de carácter simultáneo en todos os concellos que se suman á iniciativa de ADEGA, centrarase no manantial de Bordocedo.

 

O municipio volcarase un ano máis co coidado dos cursos fluviais galegos incorporándose á proposta da organización medioambiental ADEGA: a XVIII Limpeza Simultánea ‘Móllate polos ríos’.

O Concello e a Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina súmanse a esta actuación o vindeiro domingo, 21 de setembro, entre as 10:30 e 12:00 horas para limpar o manantial de Bordocedo que conecta co río Frades con todos aqueles voluntarios e voluntarias que desexen contribuír á causa.

Para participar na xornada de limpeza, é preciso anotarse previamente contactando por teléfono ou whatsapp (preferiblemente) co 639 85 03 08. Tamén se recomenda que o voluntariado traia luvas de fregar da casa (as de vinilo ou látex rompen con facilidade), botas de auga, bolsas para a recollida de lixo e paus con punta, de ser posible, para facilitar a extracción de refugallos durante a tarefa.

Xunto con Ares, serán preto de 60 as entidades galegas –dende administracións locais a centros de ensino ou tecido asociativo- as que limparán durante esa xornada os seus cursos fluviais máis próximos para expoñer o seu deterioro e deixalos libres de lixo, procurando aumentar a concienciación arredor desta problemática de contaminación da natureza.

Toda a información de “Móllate polos ríos” xa está dispoñible en https://limpeza.proxectorios.org/

 

Pódeche interesar