A edila de Medioambiente, Lucía Blanco, comezou ao longo da xornada de onte coas entregas iniciais dos 50 composteiros destinados ás vivendas unifamiliares dos veciños e veciñas de Ares.
As primeiras persoas que formalizaron a inscrición no programa de Compostaxe Doméstica recibiron nos seus domicilios os composteiros cunha capacidade de 400 litros das mans da concelleira para que os sitúen no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e idealmente baixo unha árbore de folla caduca, en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores.
Ao longo dos vindeiros días continuarase co reparto entre a veciñanza e, unha vez que conclúa, lograrase que o municipio conte cunha rede de autoxestión de residuos orgánicos con 150 composteiros instalados en vivendas unifamiliares. Un xeito de incorporar progresivamente unha práctica habitual como é o proceso de compostaxe con considerables vantaxes ambientais, sociais e económicas.