O Concello lanza o seu programa de actividade física para as persoas maiores de 70 anos

Comparte esta nota de prensa

  • Baixo o nome de ACTÍVATE + 70, ofreceranse sesións adaptadas ás circunstancias deste colectivo de idade para que poidan incorporar un estilo de vida saudable no seu día a día, contribuíndo ao seu benestar persoal.
  • O proceso de inscrición abre dende o 17 até o 24 de setembro para empadroados/as en Ares, e a partir desa data en adiante para os non residentes na localidade.

 

A Concellaría de Deportes vén de presentar Actívate + 70, o programa municipal que desenvolve sesións de actividade física destinadas a persoas maiores dese rango de idade, adaptándose ás súas necesidades e estimulando unha vellez activa, con alternativas saudables que redunden na mellora do seu benestar.

Todo o programa estará impartido por Jose Antonio Barcia Tucceli, educador físico e psicólogo acreditado na rama da Psicoloxía do Deporte, que aplicará unha perspectiva de coidado integral, onde os exercicios de coordinación corporal, estiramento, forza… poranse en relación con pautas psicolóxicas, dotando aos usuarios de ferramentas para manter a motivación cotiá.

En canto aos contidos, tamén se poderá aprender sobre boas pautas de nutrición na franxa vital das persoas maiores, co foco posto nese aumento do benestar xeral dos seus participantes.

HORARIOS E INSCRICIÓNS

ACTÍVATE + 70 producirase de outubro a xuño na sala de usos múltiples do pavillón polideportivo con dous grupos en función do número de horas á semana. Haberá un grupo que terá a súa actividade unicamente os venres, de 11:00 a 12:00 horas, namentres que o segundo contará con dúas horas á semana, os luns e venres de 10:00 a 11:00 h.

O programa terá un prezo de 14,14 euros / mes –unha hora á semana—ou 20,67 euros –dúas horas á semana-, ambos casos cunha matrícula de 10,30 euros.

As inscricións faranse de xeito presencial no Departamento de Servizos Sociais de Ares, na Praza da Constitución, de 10:00 a 13:00 h., primeiro empadroados/as do 17 ao 24 de setembro e, a partir do 25 de setembro en adiante, o resto de persoas interesadas.

 

 

Pódeche interesar