O Concello de Ares presenta “Non remates coas mates”, un programa de obradoiros para redescubrir as matemáticas desde novas ópticas

Comparte esta nota de prensa

  • Esta nova iniciativa buscará quebrar a percepción negativa arredor desta rama do coñecemento que se entende sempre coma algo difícil e abstracto, cando en realidade forma parte da vida cotián das persoas e da cultura colectiva.
  • Tres serán as sesións que conforman Non remates coas mates, cada unha delas cun proceso propio de reserva de praza, habilitándose un grupo máximo de 20 persoas por obradoiro.

 

Pensar e achegarse ás matemáticas dun xeito ameno e divulgativo: esa é a base de Non remates coas mates, o novo programa que vén de presentar a área de Cultura do Concello grazas á proposta de Covadonga Rodríguez-Moldes, Cristina Montero e Begoña Gómez, profesoras de secundaria con extensa traxectoria na docencia e licenciadas en Matemáticas encargadas de conducir as sesións deste programa.

Non remates coas mates está concebido para persoas maiores de 20 anos sen necesidade de formación previa e estrutúrase en tres obradoiros de carácter participativo e interactivo, todos eles desenvoltos na Aula de Cultura da rúa Zamborela. O programa procurará favorecer unha nova visión das matemáticas como parte esencial das humanidades e da cultura compartida, reducindo o rexeitamento e percepción negativa delas.

De feito, dende o equipo docente dos obradoiros destacan a idea das matemáticas como “algo máis que números, fórmulas e operacións: forman parte da nosa vida cotiá, da nosa historia e da nosa cultura”, e en realidade non son esa materia “difícil, abstracta e estrictamente reservada para persoas calificadas como intelixentes e peculiares”. Desmontar este tipo de mitos será un dos principais obxectivos do programa lúdico-educativo.

As sesións empregarán unha metodoloxía dinámica e manipulativa, con lecturas e actividades colectivas para descubrir as matemáticas como ferramenta para comprender o mundo. Escaparán da idea de clases convencionais, abríndose ás reflexións e o diálogo.

TRES OBRADOIROS DE OUTUBRO A XANEIRO

A primeira cita de Non remates as mates será o mércores 22 de outubro ás 18:30 horas, co obradoiro titulado Unha viaxe ao infinito a través dos números”, onde se explorarán os distintos tipos de números e a súa evolución, amais de aprender conxuntamente que é o infinito, se existe unha única infindade como tal e mesmo construír unha superficie infinita na sesión.

Os seguintes obradoiros desenvolveranse o 19 de novembro (Matemáticas escondidas no arredor) e o 21 de xaneiro (Célebres influencers da historia das matemáticas), completando así unha viaxe pola beleza, historia e presenza das matemáticas na vida cotiá.

INSCRICIÓNS ABERTAS PARA A PRIMEIRA SESIÓN

Cada obradoiro que integra o programa contará co seu proceso de reserva previa, ao partir de grupos pechados dun máximo de 20 persoas. As inscricións son de balde, mais requerirán cubrir un formulario telemático na web do Concello, www.concellodeares.gal nos prazos estipulados para cada sesión.

Aproveitando o lanzamento do programa, hoxe mesmo, 8 de outubro, abrirase ás 16:00 h. o proceso de reserva de prazas para a primeira sesión do 22 de outubro a través desta ligazón:  https://forms.gle/jbNaasJCLqpEWjmTA 

 

Pódeche interesar