- O municipio aresán é un dos 23 concellos galegos nos que se impulsa este proxecto pioneiro que conecta ao Concello, á Xunta de Galicia e ao Centro de Saúde local.
- Os profesionais sanitarios prescribiron a pacientes aresáns que o precisaban a realización de actividade física baixo o seguimento e coordinación dun especialista en Educación Física, José Barcia Tucceli, encargado de deseñar e avaliar un plan personalizado para cada persoa.
Ares vén de encarar os primeiros compases do denominado como ‘Adestra a túa saúde’, un plan destinado a promover a actividade física entre a poboación maior de 60 anos, construíndo sinerxias entre o Concello, a Xunta e o centro de saúde aresán.
A través deste programa, os profesionais sanitarios –persoal médico e enfermeiro– prescribiron, baixo uns requisitos de saúde previos, a realización de actividade física a aqueles perfís de pacientes que cumprisen con posibles riscos cardiovasculares (persoas con sedentarismo, diabetes, hipertensión…).
Unha vez realizado ese primeiro filtro, a veciñanza que se sumou ó programa comezou a traballar co adestrador-monitor designado polo Concello para Adestra a túa saúde, José Barcia Tucceli, psicólogo e licenciado en Ciencias da Actividade Física e Deportes, que se encargou da segunda avaliación e entrevistas para obter información sobre cada persoa, coa análise da forza, os perímetros, a composición corporal ou a potencia de salto.
Así é como se chegou á actualidade, con 18 persoas inscritas no proxecto pioneiro, ao ser Ares un dos 23 concellos galegos elixidos para a posta en marcha deste programa personalizado, que permite facer un seguimento da evolución de cada caso.
A previsión é que manteñan a súa involucración en Adestra a túa saúde ao longo dos vindeiros meses para que precisamente se poidan constatar os beneficios da actividade saudable diaria de xeito adaptado ás necesidades individuais, previndo enfermidades e contribuíndo á mellora da saúde, benestar e claidade de vida nas persoas maiores de 60 anos.
PRIMEIRAS SESIÓNS
Onte mesmo produciuse unha das primeiras sesións do programa, tras todo o proceso de prescrición e avaliación inicial. Así, na actualidade os luns están adicados a exercicios de forza no pavillón polideportivo, namentres que os mércores se orientan a camiñatas conxuntas, axudando tamén á socialización das persoas inscritas.
Aproveitando a saída polo Parque Rosalía de Castro, o pulmón verde no núcleo urbano de Ares, a concelleira de Benestar e Igualdade, Victoria Montenegro, e Javier Sánchez, técnico municipal de Deportes, reuníronse co adestrador-monitor Tucceli, o responsable do Centro de Saúde que coordina o programa, Ángel Vázquez, e a veciñanza inscrita para agradecerlles a súa involucración nun “proxecto piloto e pioneiro” en Galicia e no que “Ares tamén achega o seu gran de area”.
As próximas semanas proseguirán a modo de aterrizaxe para que collan confianza entre si e tamén adopten os hábitos de actividade física que implica o programa ‘Adestra a túa saúde’.