- Este novo mobiliario xa está operativo en Chanteiro, Redes, Cervás e Lubre, promovendo unha mellora das opcións de reciclaxe e tratamento de residuos tamén nos núcleos das parroquias.
- Con eles, a rede de minipuntos limpos fixos elévase ata 7, ao que se lle suma o móbil, que leva un percorrido itinerante ao longo do ano por toda a localidade.
Novo impulso á infraestrutura de reciclaxe e de carácter verde de Ares: a vila xa conta dende a semana pasada con catro minipuntos limpos recentemente instalados nas contornas de Redes, Cervás, Lubre e Chanteiro, de cara a facilitar á veciñanza o tratamento de residuos a partir dun principio descentralizador.
O mobiliario permite depositar nel pilas e baterías, cartuchos de impresoras, cápsulas de café e plástico ou pequenos dispositivos electrónicos coma mandos ou cargadores, evitando que certos materiais susceptibles de reciclaxe rematen espallados no medio natural. Ademais, estes novos elementos están ubicados en espazos de maior concentración de poboación dentro de núcleos rurais, garantindo a redución de traxectos en vehículos.
Coa súa posta en marcha, a concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, achegouse até os catro novos minipuntos e contextualizou a intervención que realizou a súa área de traballo: “queremos establecer en Ares unha infraestrutura medioambiental diversificada, e adicamos progresivamente os recursos para conseguilo”.
Blanco especificou “que agora xa contamos con 7 minipuntos fixos entre as parroquias e o núcleo urbano de Ares, 1 punto limpo móbil, 2 áreas de compostaxe comunitaria e unha rede de máis 100 composteiros individuais en vivendas da veciñanza”, o que constata “o esforzo levado a cabo dende o Concello” a prol da reciclaxe.
CORRESPONSABILIDADE NA RECICLAXE CON GALARDÓN
O equipamento público que vén de ser instalado aporta máis opcións á hora de facer que os veciños e veciñas poidan xogar un papel máis relevante no tratamento dos residuos, a sostibilidade e mesmo a mitigación do cambio climático.
Un proceso, o da reciclaxe, que se basea “no traballo colectivo entre a administración local e os e as aresáns, partindo da corresponsabilidade”, segundo as palabras da concelleira de Medioambiente, “e que ten tamén recoñecemento público, como constata a consecución da segunda bandeira verde para o municipio neste pasado mes de outubro”.
Os 4 minipuntos fixos contaron cun investimento de 18.150 euros, impostos incluídos, asumidos co apoio económico da Consellería de Medioambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.







