O CPI As Mirandas acolleu hoxe tres sesións orientadas a establecer bos hábitos de reciclaxe nos máis pequenos e pequenas do colexio, impulsado a través da Concellaría de Medioambiente de Ares.
O alumnado de 1º, 2º e 4º de primaria do CPI As Mirandas aprendeu esta mañá a relevancia da regra das tres ‘R’ —reciclar, reducir e reutilizar— grazas aos obradoiros que se impartiron nestes tres cursos coa idea de contribuír a concienciar aos máis pequenos na reciclaxe. Foron todos eles impulsados polo Concello, enfatizando a colaboración entre a comunidade educativa e a administración local.
De feito, no CPI recibiron a visita da concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, que acompañou aos rapaces e rapazas nas súas sesións. Nelas aprenderon os tipos de colectores que hai, cada un coa súa cor, e que residuos é preciso depositar en cada un deles para facelo de xeito adecuado. E todo isto xogando cun quebracabezas xigante e unha ruleta para que a aprendizaxe sexa tamén un acto lúdico.
Ademais de acompañalos durante os obradoiros, a edila de Medioambiente de Ares regaloulles uns imáns onde se inclúen os puntos dispoñibles en Ares e contorna para aplicar esa regra das tres ‘R’ e reciclar o mellor posible, como é o caso do Punto Limpo de Vilar do Colo, os minipuntos fixos distribuídos polo municipio aresán ou o punto móbil, que percorre o núcleo urbano e parroquias.
Aproveitando a ocasión, Lucía Blanco tamén agradeceu a involucración do estudantado do CPI As Mirandas e as súas familias dentro da campaña municipal ‘Senta con nós’: “grazas ao voso esforzo, con todas as botellas de plástico que trouxéchedes ao colexio, puidemos crear un banco e unha papeleira de materiais reciclados que imos instalar moi pronto”.
Entre a instalación deste novo mobiliario e os obradoiros educativos, a rapazada tamén verá como reciclar pouco a pouco no tempo implica un beneficio futuro para todos.
Accións materializadas co apoio da Xunta de Galicia e o Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con cargo aos fondos NextGeneration da Unión Europea.







