- O Concello vén de recibir o vehículo esta mesma mañá, incrementando así as posibilidades de reciclaxe na localidade e reforzando a infraestrutura verde municipal.
- Esta nova adquisición supón un investimento de 108.900 euros, sufragado pola Consellería de Medioambiente e Cambio Climático (81.000 €) e o restante (27.900 €) polas arcas municipais.
A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, recepcionou esta mañá o novo camión que actuará como punto limpo móbil no municipio, xunto co seu módulo-contedor e o guindastre para a elevación e carga. Trátase do segundo vehículo destas características que adquire o Concello, como xa aconteceu a finais de 2022, no marco da súa aposta para impulsar a rede de reciclaxe e tratamento de residuos.
O novo camión-guindastre reforzará o servizo de recollida de residuos por diferentes puntos do concello, facilitando aos residentes en Ares a separación e reciclaxe do xerado nos seus fogares, sobre todo a aqueles que viven afastados dos núcleos urbanos. Así se logrará, como expuxo a edila de Medioambiente, “involucrar ás persoas nas actuacións de xestión de residuos, ao tempo que promovemos un aumento do coñecemento en materia de reciclaxe”.
O novo vehículo, 100 % eléctrico, disporá de catro bocas laterais no seu módulo-contedor para que a veciñanza deposite nel as seguintes tipoloxías de residuos:
- Equipos electrónicos con compoñentes peligrosos.
- Equipos electrónicos sen compoñentes peligrosos.
- Aceites de cociña usados.
- Roupa.
Unha vez recibido, este segundo punto limpo móbil entrará en funcionamento ao longo dos vindeiros días para reforzar o sistema rotativo xa existente polas parroquias e núcleos de poboación do concello, aumentando a súa frecuencia de estacionamento ao funcionar os dous vehículos en paralelo.
O subministro desta tipoloxía de camión-guindastre implica un reforzo máis á infraestrutura ecolóxica da vila, na que entran en xogo tamén os 7 minipuntos fixos, as 2 áreas de compostaxe comunitaria ou a ampla rede de composteiros individuais que xa se atopan instalados en moitos fogares de Ares.
O vehículo supuxo un investimento de 108.900 euros, impostos incluídos, sufragado a través dunha liña de subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático por valor de 81.000 euros, cofinanciada polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resilicencia da Unión Europea-NextGenerationEU, e o restante, 27.900 euros, con cargo ás arcas do Concello.







