Ares e Mugardos presentan a XX Carreira Popular Fin de Ano

Comparte esta nota de prensa

  • O evento deportivo promoverase o 28 de decembro a partir das 11:00 h. con saída e chegada ao pavillón polideportivo municipal aresán.
  • As inscricións están xa abertas vía telemática na web de carreirasgalegas.com até o 23 de decembro, sendo o único requisito ter cumpridos os 16 anos na data da carreira.

 

Os Concellos de Ares e Mugardos presentaron esta mañá a XX Carreira de Fin de Ano que organizan conxuntamente ano tras ano, con fondas raíces na Península de Bezoucos, para despedir o 2025 dende a práctica deportiva.

Así, Alma Barrón, edila de Deportes de Ares, xunto co técnico municipal Javier Sánchez; Ana Varela, concelleira mugardesa, e Bruno Rodríguez, coordinador da área técnica do Complexo Acuático do Castro-ServiOcio, debullaron esta mañá os detalles da proba no acto de presentación realizado no consistorio aresán.

Tal e como desvelaron as autoridades dos dous concellos, as veciñanzas de ambas localidades poderán sumarse á carreira o domingo, 28 de decembro, a partir das 11:00 h.

Cun itinerario circular de 10 quilómetros, arrancará e rematará no pavillón polideportivo de Ares e fomentará a participación dos corredores a partir dos 16 anos de idade, sen importar o seu nivel de habilidade, facendo fincapé no trasfondo lúdico e popular da proba. Con todo, a clasificación e a cronometraxe estarán apoiadas polo Comité Galego de Xuíces e serán electrónicas.

Nesta vixésima edición, haberá un máximo de 500 prazas que se poderán reservar de xeito telemático ata as 23:59 horas do 23 de decembro na páxina web www.carreirasgalegas.com baixo un prezo de 5 euros por persoa.

Previamente ao evento, a retirada de dorsais –que supón a confirmación da asistencia á proba– realizarase no Complexo Acuático do Castro durante o venres, 26 de decembro de 8:00 a 13:00 h. e de 16:00 a 22:00 h. e o sábado 27, de 9:00 a 13:00 h.

O mesmo día da proba tamén haberá a posibilidade de retiralos na pista exterior do pavillón polideportivo de Ares na franxa de 9:00 a 10:30 h.

Na organización e posta en marcha do evento colaboran a Federación Galega de Atletismo, Serviocio BeOne, Supermercado Familia e a Deputación da Coruña.

 

Pódeche interesar