Ares principia coa oferta municipal do Nadal: obradoiros tematizados, deporte, teatro, cabalgatas e moito máis ao longo das vindeiras semanas

Comparte esta nota de prensa

  • O Concello vén de desvelar a programación das áreas de Cultura, Deportes e Xuventude que se desenvolverá na vila para que ninguén quede sen pasalo ben neste Nadal.
  • Espectáculos de teatro musical, o XIV Certame de Panxoliñas, a XX Carreira Popular, zumba na Praza da Constitución, Campionato de eSports… unha oferta diversificada que abrangue dende o 5 de decembro até o 5 de xaneiro.
  • Os obradoiros culturais que se realizan na Biblioteca Municipal requerirán de inscrición previa a través da web institucional a partir do xoves, 4 de decembro, ás 16:00 h.

 

O Concello vén de presentar esta mañá a programación completa que se organizará na vila durante este Nadal, achegando tanto actividades lúdico-culturais coma deportivas e para a mocidade.

Este mesmo venres, 5 de decembro, principiará a oferta co pendurado dos bos desexos na árbore da Ponte da Ciscada e o acendido da iluminación de Nadal, comezando con toda esta programación.

Entre as propostas, inclúense eventos xa tradicionais e moi asentados, como o XIV Certame de Panxoliñas (21 de decembro), ou as Cabalgatas de Papá Noel (24 de decembro) e Reis Magos (5 de xaneiro).

Dende o eido cultural, o teatro e a narración oral cobrarán especial relevancia, incluíndo o espectáculo multidisciplinar ‘Na Cerna do Son’ (13 de decembro), o monólogo humorístico de Leti da Taberna (26 de decembro) ou o teatro musical para os máis pequenos coas aventuras de Jazzy e Blusy (29 de decembro), entre outras iniciativas.

A Biblioteca Municipal tamén acollerá múltiples obradoiros de manualidades e de pastelería creativa, amais de buscapistas e karaoke. Con todo, os obradoiros culturais precisarán de reserva previa a partir do xoves, 4 de decembro, dende as 16:00 h na páxina web www.concellodeares.gal, cun custe de 4 euros, agás o de pastelería creativa, que será de 10 euros.

A Comisión de Festas de San Roque tamén se sumará á programación co seu Nadal no Mercado Municipal de Ares, dúas xornadas —do 27 ao 28 de decembro— onde haberá obradoiros, gastronomía, maxia e o sorteo da súa macrocesta. E quen o desexe poderá celebrar a fin de ano na festa que propón a Comisión de Festas do Mar na Praza da Igrexa.

DEPORTE PARA TODOS

Na parte deportiva, o Chiquibasquet Nadal acada a súa novena edición na vila facendo que a rapazada entre en contacto coa práctica baloncestística, mais tamén haberá a posibilidade de que as familias se animen co tenis de mesa no torneo que se programa o 26 de decembro no pavillón polideportivo, amais da xornada de portas abertas de fútbol sala feminino o 30 deste mes.

Os corredores e corredoras percorrerán Ares e Mugardos na tradicional XX Carreira Popular de Fin de Ano (28 de decembro) e quen o desexe poderá despedir o 2025 a ritmo de zumba durante o último día do ano na Praza da Constitución, para todas as idades.

CAMPIONATOS E OBRADOIROS NA CASA DA XUVENTUDE

No caso da mocidade da vila, a Casa da Xuventude centralizará varios campionatos e obradoiros destinados especificamente para eles.

Dende o 23 de decembro e até o 5 de xaneiro, en diferentes datas haberá a posibilidade de participar en torneos de tenis de mesa, futbolín, xogos en rede e eSports, mais tamén formarse en cuestións directamente vencelladas co software libre ou en seguridade, ocio e operacións dixitais na Internet, sempre en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Todas estas actividades terán o seu proceso de reserva previa presencial na propia Casa da Xuventude.

 

Pódeche interesar