- A súa cabalgata visitará as parroquias do municipio, iniciando o percorrido ás 16:00 horas na Praza do Pedregal, en Redes, e pechará o itinerario cunha recepción na Alianza Aresana.
Papá Noel e os seus axudantes desembarcarán en Ares recén chegados do círculo polar ártico este vindeiro 24 de decembro para que crianzas e familias poidan falar con el e formularlle os seus bos desexos neste Nadal.
A Concellaría de Cultura organizará a súa cabalgata, que visitará todas as parroquias dende as 16:00 horas en adiante. Principiará na Praza do Pedregal de Redes e logo encarará o camiño cara Barracido, a Urbanización Mariña do Pombal, Pedrós, Chanteiro e Cervás. A cabalgata só fará paradas nestes puntos xa establecidos, de cara a garantir o cumprimento dos tempos estimados no percorrido.
Dende Cervás sairá Papá Noel en dirección ata Ares, desfilando polas rúas do núcleo urbano e o paseo marítimo da localidade para rematar, finalmente, no interior da Alianza Aresana. Será alí onde, axudado polos seus axudantes, fará a súa recepción para escoitar a todo aquel que desexe achegarse e falar con el preto das 18:15 h.
A Concellaría de Cultura agradece especialmente a involucración da S.C. O Tilo, fundamental na materialización da cabalgata, mais tamén de Protección Civil e Policía Local de Ares.

