- O municipio celebrou esta mañá a marcha reivindicativa polo 8M, Día Internacional da Muller, involucrando tanto á veciñanza coma aos escolares do CPI As Mirandas e IES Mugardos.
- Impulsáronse dous itinerarios polo municipio que confluíron no exterior do centro educativo de Ares, onde se leron os manifestos da xornada.
A vila aresá amosou un ano máis a súa involucración polo Día Internacional da Muller (8M) e sumouse a Camiña pola Igualdade, unha marcha reivindicativa organizada con claro fondo simbólico: estudantes do CPI As Mirandas e IES de Mugardos, xunto coa veciñanza, camiñaron para expoñer a senda percorrida en materia de igualdade, mais tamén lembrar que aínda falta moito por avanzar na sociedade para rematar con calquera tipo de discriminación de xénero.
Ao longo desta mañá, as Concellarías de Igualdade e Deportes organizaron, en coordinación cos centros educativos e a asociación BimAres, dous itinerarios distintos: un máis longo, de 6 quilómetros, pola costa aresá, e outro accesible, de 1 quilómetro, dende a Ponte da Ciscada polo paseo marítimo, amenizado pola Banda de Gaitas Aresán.
Ambas rutas confluíron e remataron na pista cuberta do CPI As Mirandas por mor das condicións climatolóxicos, e alí se deu lectura dos manifestos reivindicativos, con intervencións da edila de Igualdade e Benestar, Victoria Montenegro; das súas compañeiras no equipo de goberno; membros da corporación municipal; persoal de Servizos Sociais; estudantado do colexio aresán e instituto mugardés; a dirección do CIM de Ares e representantes das Asociacións de Amas de Casa e Concepción Arenal.
Nas lecturas conxuntas, defendeuse o feminismo como un movemento indispensable para reforzar a participación activa da muller en todos os eidos da sociedade, sabendo ademais que moitas delas son “figuras transformadoras, que impulsan cambios e lideran” nos seus roles profesionais e “na xestión municipal, na educación, na investigación, na política, na tecnoloxía…”.
Foi unha xornada que involucrou á mocidade entendéndoa como un “axente de cambio” no presente e no futuro, comprometéndose contra a violencia de xénero, e que reivindicou que “cando unha muller avanza, ningún home retrocede; cando unha muller avanza, todas dan un paso ao fronte”.

















