A veciñanza aresá participou este pasado venres nunha nova saída cultural a Santiago de Compostela para asistir á representación teatral de Hamlet, unha das obras máis emblemáticas de William Shakespeare.
A proposta, impulsada pola Concellaría de Cultura dentro do programa de mobilidade do Centro Dramático Galego (CDG), permitiu achegarse á traxedia do príncipe de Dinamarca, que cobrou vida nunha montaxe que puxo o foco en grandes temas universais como a vinganza, a traizón e os dilemas humanos.
As crianzas tamén celebran o Día do Teatro
Non só os adultos conmemoraron o Día do Teatro 2026 que se celebra cada 27 de marzo coa saída promovida polo Concello: os máis pequenos e pequenas tamén puideron facelo grazas ó obradoiro creativo que deseñaron dende a Biblioteca Municipal de Ares.
Unha proposta onde confeccionaron os seus propios escenarios, con moi singulares protagonistas das súas obras teatrais, para estimular o máximo posible a súa creatividade.
E así, ninguén quedou sen festexar unha data que celebra o oficio de quen fai posible esta arte, mais tamén reafirma a función do teatro como espazo de pensamento e desfrute.






