Unha sesión práctica para exercitar o solo pélvico, a nova proposta da Academia AresXSaúde

Comparte esta nota de prensa

  • O vindeiro 29 de abril, ás 18:30 h., Camilo Prieto, director de MaSSevoluo, estará no pavillón polideportivo municipal para impartir esta actividade onde se poderán aprender exercicios básicos de mellora deste conxunto de músculos e tecidos.
  • A sesión requerirá de reserva dende o 10 até o 20 de abril nas instalacións do pavillón ou nos teléfonos 675 864 973 / 981 468 562.

 

O Concello de Ares, a través da Academia AresXSaúde, continúa impulsando iniciativas orientadas ao benestar físico da veciñanza cun novo obradoiro práctico centrado no solo pélvico, unha parte fundamental do corpo que inflúe directamente na calidade de vida.

A actividade desenvolverase o vindeiro 29 de abril, de 18:30 a 19:30 horas, no pavillón polideportivo municipal, e estará impartida por Camilo Prieto, director de MaSSevoluo, licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e graduado en Fisioterapia, con múltiples especializacións en readaptacións funcionais deportivas.

A sesión, cun máximo de 15 participantes, permitirá ás persoas asistentes aprender exercicios básicos para fortalecer esta musculatura, tanto en homes como en mulleres, sabendo que o seu adestramento é clave para a prevención e control da incontinencia urinaria, evitar prolapsos ou mellorar a estabilidade corporal e a postura.

Traballar o solo pélvico resulta especialmente recomendable en etapas de postparto, tras determinadas intervención cirúrxicas ou co propio avance da idade, pois impacta directamente na calidade de vida cotián.

As persoas interesadas deberán acudir con roupa deportiva e presentarse no recinto con, cando menos, dez minutos de antelación ao inicio da sesión.

Inscricións abertas dende mañá

O obradoiro precisará de reserva previa, que se habilitará dende mañá, día 10, até o 20 de abril, nas dependencias do pavillón polideportivo municipal, en horario de luns a venres de 9:00 a 13:00 e de 16:30 a 20:00 horas, ou a través dos teléfonos 675 864 973 e 981 468 562 no mesmo horario.

 

Pódeche interesar