As operadoras de telefonía móbil comezan a ofrecer en Ares servizos móbiles de nova xeración, 4G e 5G, nas bandas de 700 e 800 MHz.
A nova tecnoloxía permitirá á veciñanza de Ares gozar de servizos de datos móbiles de alta velocidade, mellorará a cobertura no interior dos edificios e ampliará a súa extensión xeográfica.
Llega700 é a entidade encargada de garantir a compatibilidade deste servizo coa TDT.
As operadoras de telefonía móbil Telefónica, Vodafone e Orange anunciaron que nas próximas semanas levarán a cabo en Ares o proceso de implantación dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, 4G e 5G, nas bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente. Isto permitirá á veciñanza de Ares gozar de conexións móbiles de alta velocidade, cunha mellor cobertura no interior dos edificios e unha maior extensión xeográfica.
Para garantir a compatibilidade desta nova tecnoloxía coa Televisión Dixital Terrestre (TDT), Llega700 é a entidade posta en marcha polas operadoras para solucionar calquera incidencia que poida afectar á recepción do sinal de televisión.
O proceso de implantación estase a realizar de xeito progresivo por todo o territorio nacional. Para consultar as localidades nas que xa están activos estes servizos, pódese acceder á seguinte ligazón: https://www.llega700.es/contacto_mapa.php.
O despregamento enmárcase no establecido no Real decreto 579/2019, do 11 de outubro, a partir do cal se procedeu á liberación das frecuencias comprendidas entre os 694 e os 790 MHz (canles 49 a 60 da banda UHF), que ata entón se empregaban para a recepción da Televisión Dixital Terrestre. Este proceso coñécese tamén como Segundo Dividendo Dixital. A partir dese momento, esas frecuencias foron asignadas ás operadoras de telefonía móbil para prestar os seus servizos de nova xeración.
Principais vantaxes: máis e mellor cobertura
A nova rede móbil abre a porta a servizos e aplicacións innovadoras, ademais de ofrecer melloras significativas tanto na velocidade de descarga como no envío de datos (fotografías, música ou contidos audiovisuais en alta definición), permitindo tamén aproveitar ao máximo aplicacións en liña, como os videoxogos.
A nova xeración de telefonía móbil incorpora dúas melloras fundamentais. A primeira é a solución de diversos problemas relacionados coas dificultades orográficas presentes en determinadas zonas da xeografía española, nas que tradicionalmente a cobertura era deficiente. A segunda é a súa maior capacidade de penetración no interior dos edificios.
Esta nova xeración tamén facilita a incorporación de novos servizos no ámbito empresarial e das administracións públicas, como aplicacións empresariais en mobilidade con alto contido multimedia ou o uso das videochamadas, entre outros.
Ademais, a maior cobertura que proporciona o despregamento nas bandas de 700 e 800 MHz mellorará o servizo no interior dos edificios e permitirá ampliar a cobertura xeográfica de maneira máis eficiente.
Garantindo a compatibilidade entre a nova rede móbil e a TDT
Llega700 é a entidade xestora encargada de ofrecer os servizos necesarios para garantir a compatibilidade entre a posta en marcha das emisións móbiles 4G e 5G nas bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, e a recepción do sinal da TDT.
Para garantir esta compatibilidade, Llega700 pon á disposición da cidadanía unha serie de servizos gratuítos que inclúen un procedemento correctivo tras a activación das estacións. Deste xeito, a entidade encargarase de atender as persoas afectadas, xestionando e resolvendo posibles incidencias sen ningún custo.
Para xestionar estes servizos, as persoas usuarias dispoñen dun teléfono de atención gratuíto (900 833 999) e dunha páxina web: www.llega700.es.



