Un Samaín de medo, misterio e doces na Biblioteca Municipal de Ares!

Comparte esta nota de prensa

A Biblioteca Municipal de Ares transformouse estes días nun auténtico escenario de aventuras para celebrar o Samaín con dous grupos de intrépidos participantes: os máis pequenos, de 3 a 6 anos, e a rapazada de 7 a 12 anos. As dúas quendas encheron as salas de risos, emoción e algún que outro susto divertido.

Armados coas súas lanternas, as súas bolsas e orixinais disfraces, os nenos e nenas mergulláronse nunha emocionante busca de pistas ás escuras por todos os recunchos da biblioteca. Entre andeis e libros misteriosos, foron resolvendo enigmas ata atopar o botín máis agardado: cadansúa recompensa de chocolatinas, lambetadas e doces.

Un xeito lúdico e diferente de achegar a tradición do noso Samaín dunha forma máxico-terrorífica.

Lembrade que a programación continúa! Este luns, 2 de novembro, ás 18:30 h, agárdavos o contacontos gratuíto «Tarecos e castaña do alén», pensado para o público infantil e familiar. Ademais, segue dispoñible a Mesa de Medo, con historias terroríficas para levar en préstamo á casa.

Moitas grazas a todas as familias pola vosa complicidade e a toda a rapazada polo seu entusiasmo e valentía durante a busca das pistas!

Pódeche interesar