A nosa localidade vén de ser distinguida un ano máis coa Bandeira Verde da Xunta de Galicia, consolidándose entre os municipios galegos referentes no coidado da paisaxe, a sustentabilidade e a protección da contorna natural.
Este galardón recoñece o traballo conxunto da veciñanza e do Concello a prol do medio ambiente, acreditando a Ares como un territorio responsable e comprometido en ámbitos clave como a eficiencia enerxética, a xestión sustentable dos residuos municipais, a ordenación do territorio e a conservación do patrimonio natural.
No que atinxe ao noso municipio, este recoñecemento avala a continuidade das políticas verdes impulsadas nos últimos anos: a ampliación e reforzo da rede de puntos limpos fixos e móbiles, o impulso da compostaxe doméstica e dos biorresiduos nos fogares e centros educativos, a mellora da eficiencia enerxética mediante luminarias LED e enerxía fotovoltaica en instalacións municipais, así como as accións de educación ambiental e posta en valor do litoral.
Dende o Concello de Ares agradecemos a implicación e a responsabilidade diaria de toda a veciñanza, fundamental para seguir construíndo unha vila máis limpa, sostible e respectuosa coa nosa riqueza natural e paisaxística.



