Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Ares volve amosar a súa firme repulsa fronte a calquera tipo de violencia machista, unha problemática estrutural que segue moi presente na nosa sociedade.
Nesta edición, a Concellería de Igualdade adhírese á campaña institucional «De Fronte» da Deputación da Coruña, poñendo o foco na loita contra o sistema prostitucional e a mercantilización dos corpos das mulleres, reivindicando a educación afectivo-sexual e o reforzo dos Centros de Información á Muller.
O Concello continúa tamén co seu programa de sensibilización e apoio, dirixido á comunidade educativa, ás mulleres vítimas de violencia de xénero e a toda a veciñanza.
Actividades xa realizadas:
- 10 e 17 de novembro: Primeiras sesións do proxecto de mindfulness «Parar, respirar e autocompaixón», dirixido a mulleres vítimas de violencia de xénero.
- 19 de novembro: Obradoiro «Hai Saída grazas a ti» no CPI As Mirandas (1º ESO).
Próximas citas:
- 25 de novembro: Contacontos «Nin máis nin menos» no CPI As Mirandas (4º Infantil).
- 30 de novembro: Escape room «A viaxeira no tempo» no CPI As Mirandas (5º Primaria).
- 1 de decembro: Última sesión do proxecto de mindfulness.
- 3 de decembro: Xornadas anuais de Violencia de Xénero do Concello de Ares (horario de mañá e tarde).
Ademais, o Concello de Ares adhírese á declaración institucional «Que che doe máis?» da FEGAMP, reafirmando o seu compromiso coa igualdade e cunha sociedade libre de violencia contra as mulleres.



